fbpx

O Centro Cultural Xaime Illa Couto acolleu este venres o acto de presentación da Liga de Tenis de Raxó, unha proba que acada a súa sétima edición e que xa está plenamente consolidada dentro do calendario deportivo do concello de Poio. A cita, na que tomou parte a concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), tamén serviu para facer entrega dos trofeos aos e ás gañadoras da edición anterior. Cómpre lembrar que actualmente esta competición está organizada polo Club de Tenis de Raxó, fundado no ano 2020.

A liga leva disputándose desde 2016, pero ata a creación desta entidade facíao “sen contar cunha estrutura de club propiamente dita”, sinalou Caldas Moreira, que expresou o seu agradecemento aos responsables pola súa implicación á hora de fomentar a práctica desta modalidade deportiva.

No acto estiveron presentes directivos do club e da Sociedade Cultural e Deportiva Raxó. A Liga de Verán arranca este domingo 9 de maio nas pistas de Monte Baldío e concluirá o 15 de agosto, contando con tres categorías distintas masculinas, en función do nivel dos participantes, e unha feminina. Os e as participantes tamén terán oportunidade de competir na Copa e nun torneo de dobres, que se levarán a cabo entre os meses de agosto e setembro.

Ademais da Liga de Verán, o club tamén organiza a Liga de Inverno. “Grazas a este tipo de iniciativas, cada vez son máis as persoas que participan e que se animan a practicar esta modalidade”, salientou a titular de Deportes, que lembrou a colaboración do Concello na organización desta proba. A edil nacionalista entende que iniciativas coma esta “axudan a que se continúe consolidando a filosofía de apostar polos hábitos saudables e, agora máis que nunca, polo deporte seguro”.

 

Go to top