fbpx

Poio é un dos nove concellos da provincia de Pontevedra no que xa está operativa a Aula Mentor, a única en toda a bisbarra, xunto á da capital pontevedresa. Este é un programa de formación ‘on line’ non reglada, flexible e que ofrece titorías personalizadas, que está dirixido a persoas maiores de 18 anos. O Concello apostou pola adhesión a este programa, impulsado a nivel estatal polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, e que se xestiona a través dos departamentos de Educación e Promoción Económica, dirixidos por Raquel Rodríguez (BNG) e Gregorio Agís (PSdeG-PSOE).

A través da Aula Mentor, cuxas sesións telemáticas impártense desde a aula de informática do Centro de Formación da Reiboa, ofértanse ata 30 formacións diferentes, que xiran en torno a tres eidos fundamentais: a redución da brecha dixital, a formación de mulleres no ámbito rural e a formación de colectivos vulnerables. Ciclos sobre iniciación a procesadores de texto, uso de redes sociais ou deseño de produtos e servizos, así como ‘coaching’ ou empredemento dixital, son algúns dos obradoiros, que terán un prezo de 24 euros mensuais. As persoas interesadas en acceder a este servizo poden asesorarse visitando a páxina web www.aulamentor.es ou poñerse en contacto coa Oficina de Orientación Laboral de Poio, enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Tamén é posible asesorarse chamando ao número de teléfono 986770001 (extensións 1260 ou 1502).

Raquel Rodríguez e Gregorio Agís coinciden á hora de salientar a importancia de contar cun servizo destas características, toda vez que “ofrece unha alternativa en materia de formación á poboación adulta que non ten oportunidade de acceder a unha oferta presencial. A Aula Mentor está pensada, precisamente, para poder dar resposta ás necesidades da xente que precisa dun ritmo de aprendizaxe flexible, que non estea suxeito a horarios ou prazos concretos”.

A concelleira de Educación e o responsable de Promoción Económica salientan tamén “a permanente actualización” dos cursos ofertados, que “foron deseñados e adaptados tendo en conta as  características dos destinatarios potenciais”. Os dous integrantes do Goberno local fan fincapé, asemade, na necesidade de que un concello como Poio, “moi dinámico e en constante crecemento, no que xa estamos plenamente consolidados por riba do 17.000 habitantes”, conte con esta ferramenta. “Contamos un índice de poboación de persoas de entre 30 e 55 anos, que son os potenciais beneficiarios desta oferta, que está por riba do 25%”, conclúen Rodríguez e Agís, que tamén confían en que a Aula Mentor sexa unha ferramenta máis á hora de garantir a formación educativa e profesional da cidadanía.

 

Go to top