fbpx


A Concellería de Benestar Social e Mocidade, dirixida por Rosa Fernández (PSOE), impulsa un obradoiro para axudar ás persoas maiores a familiarizarse co uso de novas tecnoloxías, como teléfonos móbiles ou ordenadores. Estas citas desenvolveranse no Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó, todos os mércores, en horario comprendido entre as 17.00 e as 19.00 horas. A inscrición é gratuíta e se lle dará prioridade á veciñanza de Poio. As anotacións poden realizarse chamando á Casa Rosada (986872401).

A concelleira responsable deste departamento entende que “o desenvolvemento e os avances tecnolóxicos debemos velos como unha gran oportunidade para que as persoas maiores sexan partícipes e non se illen por medo a non saber utilizar estes dispositivos”. Precisamente, unha das cuestións nas que se fará fincapé é na idea de que “non hai présa ningunha por aprender a utilizar estes aparatos, cada quen pode avanzar ao seu ritmo”. Fernández González ten claro que “este será un espazo amigable no que queremos conseguir que as persoas maiores lle perdan o medo a utilizar as novas tecnoloxías”. Deste xeito, as sesións versarán sobre cuestións como a utilización do correo electrónico, a navegación por Internet ou o uso de aplicacións como Zoom para a realización de videoconferencias. “Atopámonos nunha época na que o uso deste tipo de ferramentas son practicamente indispensables, xa que cada vez  hai máis tramitacións e xestións que temos que facer de xeito telemático, especialmente despois da chegada da COVID-19. Queremos que os e as nosas maiores superen a brecha dixital e sexan quen de realizar estas actividades por si mesmos”, sinala a titular de Benestar Social.

Esta iniciativa dá continuidade ao programa ‘Non hai móbil que se me resista’, que tamén impulsou este departamento municipal hai uns meses. Esta actividade, que contou cun gran éxito de participación, servía para que usuarios e usuarias da Casa Rosada aprendesen a utilizar os ‘smartphones’, grazas ás explicacións realizadas por alumnado do IES. Agora, as sesións no Xaime Illa serán de grupos reducidos, para facilitar a aprendizaxe das persoas inscritas.

 

Go to top