fbpx

Máis de 70 persoas participaron este pasado domingo nunha excursión guiada realizada á Illa de Tambo, organizada pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo e dirixida a profesionais e comerciantes vencellados ao tecido empresarial local, en colaboración coa Asociación de Empresarios EnPoio. O concelleiro responsable deste departamento, o socialista Gregorio Agís, tomou parte nesta visita, que foi organizada co obxectivo de ofrecer ao sector a posibilidade de “coñecer e familiarizarse coa riqueza patrimonial, paisaxística e histórica que ofrece este enclave emblemático da ría de Pontevedra, que o Concello xa xestiona de xeito directo tras a concesión demanial que asinamos co Ministerio de Defensa a principios de marzo”.

Agís incidiu na importancia de que “os sectores que son grandes dinamizadores económicos no noso municipio, como é o caso do comercio ou do turismo, coñezan de primeira man o potencial que ten Tambo como reclamo para atraer a visitantes, dando un pulo, deste xeito, ao consumo e á actividade profesional do municipio”. Neste sentido, o responsable de Promoción Económica e Urbanismo apuntou que os empresarios, autónomos e autónomas e profesionais “teñen unha canle directa coas persoas que visitan Poio, polo que son quen de exercer como transmisores dos atractivos existentes en Tambo”. O edil do Goberno municipal aposta por continuar organizando visitas para asociacións e colectivos para seguir consolidando esta filosofía.

Por outra banda, o concelleiro do PSdeG-PSOE tamén informa de que nas vindeiras datas empezarán a realizarse tarefas de limpeza e desbroce na illa. “Son traballos que se efectúan para o acondicionamento das sendas e tamén a modo de prevención de incendios”, explica Gregorio Agís, que lembra que a pretensión da Administración local é que ao longo do verán xa se poidan efectuar visitas a Tambo de xeito habitual, abertas para a cidadanía. En todo caso, este ano serán excursións guiadas e controladas. Ademais, Agís tamén adianta que proximamente se convocará á Comisión de Seguimento da Illa de Tambo para continuar avanzando “da man dos colectivos locais” en cuestións como a elaboración do Plan de Usos da illa, un documento “indispensable”, que “é preciso para consolidar un uso sustentable da illa, no que se consolide como atractivo á vez que se garante a súa preservación e coidado”.

 

Go to top