fbpx

Conferencias, teatro e a instalación da exposición ‘Cantámola en galego!’ son as actividades protagonistas na programación que neste 2022 impulsa a Concellería de Cultura, en colaboración coa Sociedade Cultural e Deportivo Raxó, para conmemorar o Día das Letras Galegas, que nesta edición rende homenaxe ao poeta de Valdeorras Florencio Delgado Gurriarán. A edil responsable deste departamento, a nacionalista Raquel Rodríguez, deu a coñecer os detalles destas iniciativas, que comezarán o día 13 de maio e finalizarán o venres 20. O Centro Cultural Xaime Illa será o centro neurálxico da programación, ao converterse no escenario de todas as citas.

Rodríguez Alonso, que estivo acompañada por responsables da SCD, destacou a variedade da programación e agradeceu a colaboración da Sociedade Cultural e Deportiva Raxó, nunha edición, ademais, que “resulta moi especial”, entre outros motivos, porque se cumpren 30 anos do nacemento do Certame Literario Xaime Illa Couto. Precisamente, neste convocatoria acadouse unha participación moi elevada, con máis de 170 textos presentados, algúns enviados desde países como Suecia ou Alemaña. A entrega de premios será o día 17, durante o acto central do programa, fixado para as 17.30 horas e que inclúe unha conferencia a cargo da xornalista e escritora das Neves Sara Vila Alonso, gañadora do Premio Illa Nova Narrativa en 2021, pola súa primeira novela ‘Oito días sen Eva Cortes’.

O inicio de actividades será o 13 de maio coa inauguración da mostra ‘Cantámola en galego! A canción en galego no século XXI’, que poderá visitarse no propio Xaime Illa ata o mércores 18. Cedida polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, a través desta exposición “búscase incentivar o coñecemento de diferentes estilos que empregan a lingua galega nas súas composicións, rachando así cos prexuízos sobre a nosa lingua cando se asocia a contextos innovadores”, explicou a titular de Cultura. Para ese mesmo día, ás 17.00 horas, está tamén programada unha sesión de contacontos musicado, a cargo de Polo Correo do Vento, e que ten como protagonista a Florencio Delgado Gurriarán.

O xoves 19 de maio Miguel A. Seixas, da Fundación Castelao, impartirá a conferencia ‘Castelao, o Plan S e as carquexas amarelas’. A cita dará comezo ás 19.00 horas. Por último, o venres 20 a compañía teatral Avelaíña ofrecerá, ás 21.00 horas, a representación da obra ‘A liorta’. Esta iniciativa está organizada pola SCD Raxó. “Deseñamos unha programación moi ampla e variada, a través da cal poñemos en valor a nosa lingua, ao tempo que damos visibilidade á figura de Florencio Delgado Gurriarán”, concluíu Raquel Rodríguez. Esta programación forma parte da axenda cultural Verbas en Flor, promovida pola Concellería de Cultura e Educación, en colaboración con Deportes, Normalización Lingüística, Memoria Histórica e Medio Ambiente, e que aglutina diferentes iniciativas a desenvolver durante a primavera.

 

Go to top