fbpx

 

A tenente de alcalde e responsable da área de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), informa da apertura do prazo para a presentación de solicitudes para optar ás achegas que, por segundo ano consecutivo, impulsa este departamento municipal e que están dirixidas a asociacións de mulleres do municipio. A través desta liña de axudas búscase fomentar a igualdade de oportunidades e o empoderamento feminino. As axudas, de ata un máximo de 1.000 euros por colectivo, servirán para cubrir iniciativas desenvoltas entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022.

Unha das principais novidades con respecto á convocatoria correspondente ao exercicio de 2021 ten que ver coa contía que Igualdade destina para a realización deste tipo de iniciativas, xa que se produce unha suba moi importante, ata os 10.000 euros, tal e como figura no Orzamento de 2022. Isto supón un incremento de máis do dobre con respecto ao ano pasado. As solicitudes xa se poden realizar desde este xoves 12 de maio, logo de que as bases, aprobadas no seu día pola Xunta de Goberno Local, fosen publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo). O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes. As anotacións deberán tramitarse por vía telemática, a través da Sede Electrónica do Concello de Poio.

Tal e como explica Silvia Díaz, as axudas, que se tramitan por concorrencia non competitiva, repartiranse a través de dúas liñas de actuación: unha dirixida ao financiamento dos gastos correntes de mantemento e funcionamento das asociacións e outra para o apoio ao desenvolvemento de actuacións ou actividades de sensibilización e concienciación social, información ou formación en materia de igualdade e aqueloutras dirixidas a potenciar e facilitar a mellora da calidade de vida e a participación das mulleres en todos os ámbitos, xunto coa realización de campañas de sensibilización e de prevención e acompañamento das vítimas da violencia de xénero, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores ou en situación de vulnerabilidade.

As asociacións interesadas en beneficiarse destas subvencións deberán cumprir varios requisitos, entre os que se atopan ser parte do Consello Municipal da Muller, figurar no Rexistro de Asociacións e ter colaborado nas campañas impulsadas desde a Concellería de Igualdade con motivo do 25 de novembro ou do 8 de marzo.

A concelleira de Igualdade lembra que “unha das nosas principais liñas estratéxicas é contribuír a dinamizar, axudar e dar visibilidade ao labor que realizaron as asociacións de mulleres do noso concello”. Ademais, salienta esta liña de axudas tamén dar cumprimento aos obxectivos que figuran na Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible, en materia de igualdade e empoderamento da muller a nivel social e económico, así como no IV Plan de Igualdade do Concello de Poio, aprobado este mesmo ano.

 

Go to top