fbpx

Varios centros educativos do municipio acolleron ao longo  da pasada semana as charlas ‘Desmontando os prexuízos sobre a lingua galega’, unha actividade que se inclúe dentro da campaña ‘O que se dá non se quita’, impulsada pola Concellería de Normalización Lingüística, en colaboración coa área de Educación, co obxectivo de promover e potenciar o uso da lingua galega entre a sociedade, poñendo o foco especialmente nas crianzas e na mocidade. Tal e como recorda a concelleira  nacionalista Marga Caldas, estes coloquios forman parte da axenda cultural Verbas en Flor, no que tamén se implica este departamento, en colaboración con Cultura, Educación e Medio Ambiente.

Caldas Moreira destaca a gran acollida que tiveron estas citas entre o alumnado. “Sabemos que, en ocasións, pode darse o caso de que alguén non utilice un idioma por medo a trabucarse, o que fai que, por unha cuestión de seguridade en si mesmo, acábese por utilizar o castelán. Precisamente, o que se busca con ‘O que se dá non se quita’ é acabar con esa mentalidade, porque é a que, de xeito inconsciente, nos pode afastar da nosa lingua, o que deriva nunha perda progresiva do seu uso”, indica. Unha vez desenvoltas estas charlas, as concellerías de Educación e de Normalización Lingüística ofrecen aos educativos a posibilidade de desenvolver a súa propia campaña en favor do galego. Deste xeito, desde estes departamento achegaráselles todo o material necesario para elaborar as campañas, que poden levarse a cabo mediante a gravación de vídeos, podcasts ou a través de deseños de pancartas ou pósters. Os traballos deberán estar finalizados antes do 7 de xuño. O Concello daralles difusión a través dos seus perfís nas redes sociais, co obxectivo de dar visibilidade ao esforzo dos e das estudantes.

“Con esta iniciativa o que tamén conseguimos é fomentar a creatividade das crianzas a través do uso da lingua galega”, sinala Marga Caldas, que avoga por “rachar de xeito definitivo cos prexuízos que existen co galego e cos complexos por falalo de xeito incorrecto”. Precisamente, a edil nacionalista entende que “a través das crianzas tamén podemos implicar á veciñanza, xa que os nenos e nenas son grandes transmisores dos valores e aprendizaxes que adquiren nos centros educativos e que poden trasladar ás súas familias”, conclúe.

 

Go to top