fbpx

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), presentaron este xoves os detalles do plan que o Concello de Poio acometerá en Combarro para dotar á contorna do núcleo da parroquia de máis de medio cento de prazas de estacionamento para residentes, que se habilitarán en parcelas particulares e que a Administración local poderá xestionar grazas aos pertinentes acordos de cesión acadados cos seus propietarios e propietarias. A maiores, tamén se traballará na posta a punto dun espazo para aparcamento aberto para toda a veciñanza. “Estamos a falar, en cifras mínimas, dunhas 160 prazas de nova creación”, sinala Caldas.

Grazas a estas xestións, o Concello pasa a dispoñer de máis de 6.000 metros cadrados que se destinarán a este servizo. Caldas Moreira explicou que aproximadamente o 50% desta extensión corresponde a tres espazos situados na Costa de Abaixo, no Camiño Real e entre Cela e Padrón. Será nestes puntos onde se habiliten as prazas para as persoas residentes no centro de Combarro, que serán de 24 horas, para garantir a súa rotación. O alcalde Sobral agradeceu a predisposición das persoas propietarias das parcelas á hora de acadar un acordo, que “permitirá garantir aparcadoiros para a veciñanza que reside nas inmediacións do núcleo de Combarro, algo que resulta especialmente esencial durante a tempada estival ou en Semana Santa”. A Policía Local será a encargada de velar pola correcta utilización destes aparcadoiros, tal e como xa fixo na pasada Semana Santa. Ademais, de cara ao futuro o Concello tamén prevé repetir  dotar como prazas para residentes, de xeito temporal, espazos na Baixada á Chousa e na Rúa Maceira, só durante a tempada estival.  A maiores, o departamento municipal tamén chegou a un acordo co Mosteiro de Poio para a cesión de dúas parcelas na Pinela, que suman preto de 3.5000 metros cadrados, e que se destinará a aparcadoiro libre.

No caso das persoas residentes, en total estarán dispoñibles máis de 60 prazas nestes espazos. Marga Caldas lembrou, asemade, que “xa temos redactado un proxecto para habilitar outras 25 prazas a maiores, tamén para residentes na parcela que ocupaba o parque situado no Paseo das Redeiras e que foi trasladado a outro emprazamento máis próximo ao núcleo histórico”. O Concello está pendente do visto bo de Portos de Galicia para poder habilitar ese aparcadoiro. O mesmo sucede para poder conseguir a xestión municipal das prazas que xa existen noutro espazo situado no paseo que une A Chousa co peirao da Canteira, que tamén está pendente do ‘ok’ do departamento dependente da Xunta de Galicia.

Deste xeito, cristalizan unhas xestións que se levaron a cabo ao longo dos últimos meses e que tamén estaban pendentes de recibir os informes favorables pertinentes. A concelleira de Seguridade Cidadá informou de que os documentos das cesións levaranse á vindeira Comisión Informativa de Urbanismo e, posteriormente, serán aprobadas pola Xunta de Goberno Local. “A partir de aí xa disporemos de luz verde para poñer a punto as parcelas, de xeito que poidan estar a disposición da veciñanza antes do inicio do verán”, indicou Marga Caldas, que tamén convocará á veciñanza da zona para detallarlles os pormenores do plan.

Por último, tanto o alcalde como a edil de Seguridade Cidadá garantiron que continuarán as xestións para continuar ampliando prazas e garantindo estacionamento para persoas residentes, de cara a unha mobilidade sostible na contorna do núcleo de Combarro. Neste sentido, Luciano Sobral adiantou que o Concello está en conversas co Arzobispado para poder habilitar outra zona de aparcadoiros na parcela que actualmente ocupan as ruínas do antigo cine, a carón da igrexa. “Apostamos pola demolición da infraestrutura e a posta a punto deste espazo, co que gañaríamos entre 40 e 50 prazas para aparcar que darían servizo a unha zona chave, onde se atopan servizos de relevancia como o Centro de Saúde”, indicou o rexedor nacionalista.

 

Go to top