fbpx

O Casal de Ferreirós acolleu este venres a presentación para dar a coñecer os detalles do Plan de Sostibilidade Turística en Destinos, impulsado polos departamentos de Turismo e Promoción Económica, en coordinación cos e coas profesionais deste sector. Trátase dunha ferramenta que busca potenciar a Poio como destino turístico, cunha imaxe de marca propia e utilizando como fío condutor a enogastronomía. A relevancia deste documento é dobre, xa que permitirá ao Concello de Poio acceder a fondos europeos ‘Next Generation’, de cara a impulsar actuacións en favor da modernización, a competitividade, a dixitalización e a sostibilidade dunha actividade que é un dos motores de dinamización principais do municipio.

A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), e o concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), deron a coñecer os detalles desta proposta, que conta coa plena implicación dos empresarios e chefs poienses Pepe Solla e Xosé Cannas, de Pepe Vieira. “O feito de contar co apoio e a axuda dos dous ‘Estrella Michelín’ que temos en Poio engade aínda máis valor a esta iniciativa e garante que o noso destino é un referente, tamén desde o punto de vista da gastronomía e da enoloxía”, sinalaron os dirixentes municipais. A enogastronomía é a ferramenta pola que se aposta “para amosar, difundir e dar a coñecer  os atributos de valor que posuímos en Poio”, sinalaron Agís e Díaz. Este plan aspira, asemade, a estruturar o relato turístico do municipio unindo o mar e a terra. Poñer en valor esa dualidade, e, a partir de aí, impulsar diferentes actuacións en favor do sector é un dos puntos chaves do documento. Deste xeito, optaríanse a fondos para mellorar ou habilitar novos espazos naturais, como as sendas do litoral, reforzar a sinalización de puntos de interese e abrir unha liña de axudas para o sector privado, de xeito que poidan participar en iniciativas centradas na modernización e dixitalización do sector.

“A enogastronomía está no noso ADN”, asegurou a tenente de alcalde, que definiu este plan como “moi ambicioso” e como “unha oportunidade única para dar a poio o pulo que necesita para seguir consolidándose como destino turístico de referencia e como motor económico, de emprego e de riqueza. Este documento ten en conta todas as cuestións que están enraizadas coa nosa maneira de vivir”, apuntou. Pola súa banda, o edil de Promoción Económica lembrou que Poio conta cos recursos suficientes, aos que hai que sumar Tambo como recente adquisición logo de acadar a súa concesión demanial, como para dar un paso cara adiante na desestacionalización da actividade turística, garantindo unha actividade constante ao longo de todo o ano. Gregorio Agís destacou a capacidade do Concello á hora de obter este tipo de fondos. “En todas as convocatorias previas para a obtención de axudas que proveñen de Europa nas que participamos fomos quen de acadalas”, afirmou.

A través deste plan, a Administración local está en disposición de beneficiarse a través de dúas liñas dos ‘Next Generation’, unha autonómica e outra a nivel estatal, cunha contía que pode chegar ata os 2,5 millóns de euros. É, tal e como sinalou Xosé Cannas na súa intervención, “unha oportunidade única para seguir avanzando en materia de sostibilidade e autenticidade. Outros destinos apostan por camiños diferentes, pero creo que en Poio debemos preservar o que temos, coa nosa gastronomía e atractivos á fronte”, sinalou.

Por último, tanto Díaz como Agís salientaron a colaboración existente entre o sector privado e o Concello á hora de ir da man neste proxecto. Para a elaboración do documento tivéronse en conta as achegas realizadas polos e polas profesionais, formuladas en reunións de traballo e tamén na súa participación na elaboración dunha enquisa para detectar oportunidades, fortalezas, ameazas e debilidades que presenta Poio como destino, e nas que “temos que seguir traballando para consolidar a imaxe de marca propia”.

 

Go to top