fbpx

O Goberno municipal de Poio, formado polo Bloque Nacionalista Galego, PSdeG-PSOE e Avante Poio e liderado por Luciano Sobral, afronta o último ano de mandato en disposición de de dar un impulso definitivo a proxectos de gran calado, que redundarán no beneficio da calidade de vida da veciñanza. A licitación do novo contrato da auga ou a adquisición de parcelas para a dotación de equipamentos, nas que se emprazará tamén o  futuro Centro de Saúde, forman parte das tramitacións de maior relevancia nas que o Concello está a traballar na actualidade.

Todo isto despois de aprobar recentemente a modificación da ordenanza do cemiterio municipal de San Xoán, paso decisivo para facer realidade a ampliación do camposanto, que pasará a contar con preto de medio milleiro de nichos a maiores, un investimento superior aos 400.000 euros.

No caso do novo contrato da auga, prevese que o documento sexa aprobado polo Pleno da Corporación o vindeiro mes de xuño. O pliego xa está rematado e estase a concluír co estudo de viabilidade. O contrato contempla a execución de obras que servirán para garantir servizos básicos a núcleos como Fragamoreira ou Vilariño, ao tempo que se renovarán as tubaxes noutras zonas do municipio. O Goberno local sinala que este será o paso definitivo para garantir que estas prestacións cheguen “ao 100% do término municipal”. Actualmente, cúbrese practicamente o 90%, grazas aos traballos executados polo Concello en diferentes puntos do rural.

A poucas semanas de cumprirse tres anos desde a firma do acordo de Goberno, os dirixentes municipais salientan tamén outras xestións e actuacións que xa son unha realidade e que responden a “demandas históricas da cidadanía”. Este é o caso, por exemplo, da concesión demanial da Illa de Tambo, que culminou un arduo proceso iniciado hai varios anos e que permite á Administración local a xestión directa deste espazo situado no corazón da ría de Pontevedra, cun potencial turístico, cultural e patrimonial incalculable. Actualmente a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo xa está a traballar na posta a punto de traballos de limpeza e desbroce para permitir a realización de visitas guiadas durante o verán.

No apartado de infraestruturas, diferentes proxectos de relevancia atópanse en marcha ou a piques de iniciarse. Este é o caso da rehabilitación integral do Pazo de Besada, unha das actuacións prioritarias para o Goberno local e que servirá para que este histórico inmoble se converta en epicentro da actividade social na parroquia de San Salvador, toda vez que pasará a albergar o departamento de Servizos Sociais e a ofrecer un punto de encontro para a xente maior e unha sala de estudo, entre outros equipamentos. Tamén se atopan en fase de tramitación as melloras en infraestruturas deportivas como o campo de fútbol da Reiboa ou o pavillón da Seca. Precisamente, na área de Deportes aumentaron en máis dun 30% as axudas directas a clubs e deportistas, cunha contía total que ronda os 180.000 euros. Un incremento que tamén é palpable en áreas como Cultura, onde a consolidación de iniciativas como o Plan Músico-Cultural, a través do cal se fomenta a contratación de grupos folclóricos e tradicionais locais para festas do municipio, son xa unha realidade.

Ao longo do último ano tamén se avanzou en diferentes obras encamiñadas á posta en valor dos núcleos tradicionais, apostando pola mobilidade sustentable e dando protagonismo ao tránsito peonil, cumprindo, deste xeito, co establecido no Plan de Mobilidade Urbano aprobado polo Goberno local en 2019. A mellora da contorna de Caneliñas e Lameiriña concluirá este verán, mentres que tamén segue en marcha a posta a punto da Primeira Travesía da Seara, onde xa entre 2020 e 2021 se procedeu á mellora do núcleo. Ademais, o Concello acaba de aprobar a adxudicación da mellora da Puntada, Saíñas e Portosanto, que se financiará a través dos fondos ReacPon, provintes da Deputación de Pontevedra. Tal e como lembra o equipo de Goberno, todas estas actuacións son posibles grazas ás xestións realizadas na consecución de subvencións e axudas de diferentes institucións e fondos europeos. Esta capacidade de xestión posibilita que estas melloras se impulsen mantendo intacta a política adoptada polo Concello desde hai máis dunha década no que á conxelación de taxas se refire. A todo isto súmanselle as xestións e actuacións realizadas en lugares como Campelo, San Salvador e Combarro para aumentar o número de prazas de estacionamento, a través da cesión de parcelas particulares.

Neste 2022, ademais, o Goberno local tamén traballa na celebración dunha data moi especial, como é o cumprimento dos 50 anos da definición do núcleo de Combarro como Conxunto Histórico, feito que tivo lugar en novembro de 1972. Ademais de impulsar un estudo morfolóxico para analizar a situación e as actuacións a desenvolver no futuro para mellorar este emblemático espazo, tamén se realizarán iniciativas e actividades para conmemorar esa histórica data. 2022, asemade, está a ser un ano importante en áreas como Igualdade, onde se vén de aprobar o IV Plan de Igualdade do Concello de Poio, con preto de 50 iniciativas a desenvolver, de xeito transversal e en diferentes áreas, ata 2026. Ademais, hai que salientar o incremento de axudas para asociacións de mulleres, á hora de facilitar a organización de eventos e iniciativas que redunden na promoción e defensa da igualdade e que sirvan como ferramenta para loitar contra a violencia de xénero.

Poio, un concello en crecemento e consolidado en cifras históricas

O Goberno municipal conclúe o seu balanzo positivo lembrando o “momento chave” no que se atopa Poio na actualidade. “A día de hoxe somos un concello de referencia dentro da bisbarra, cunha calidade de vida notoria e no que a xente quere vivir e asentarse tanto a nivel persoal como profesional”, sinalan os dirixentes municipais. Os feitos corroboran esta idea, xa que neste 2022 o municipio vén de marcar o seu teito histórico en canto a número de habitantes (preto dos 17.300), ao mesmo tempo que se sitúa entre os primeiros de Galicia no que a renda media por vivenda se refire. Todo isto sumado ao descenso do paro, baixando dos 1.000 desempregados e desempregadas neste mes de abril, feito que non se producía desde hai más dunha década.

 

Go to top