fbpx

A empresa Construcciones Obras y Viales Sociedad Anónima (COVSA) será a encargada de executar a rehabilitación integral e de mellora sostible na Puntada, Portosanto e Saíñas, un dos principais núcleos da parroquia de San Salvador. A Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión a adxudicación do proxecto, logo de que se presentasen ao concurso de licitación catro firmas. O orzamento ascende a un total de 937.752,60 euros, IVE engadido, e finánciase nun 80% a través do programa ReacPon da Deputación de Pontevedra. O 20% tamén se cubrirá con fondos provinciais. Así o confirmou o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), cuxo departamento foi o responsable de impulsar a actuación e tramitar a obtención das axudas.

“Estamos a falar dunha obra de gran calado, que suporá a completa transformación dunha contorna que actualmente se atopa nun estado de degradación importante e que suporá un antes e un despois para a veciñanza desta zona de San Salvador”, salientou.

Unha vez completado o proceso de licitación, Agís sinala que os traballos darán comezo nas vindeiras semanas, de xeito que, salvo imprevisto, a obra estará en marcha no verán. “A diferencia do que ocorre noutros emprazamentos do concello, nesta zona a tempada estival non supón un impedimento para a realización da actuación. De feito, en lugares como Saíñas, onde se atopa a escola infantil, é unha vantaxe, polas vacacións”, indica o responsable de Urbanismo, que incide en que “trataremos de que as obras xeren as menores molestias posibles á veciñanza”. O Concello contempla a finalización do proxecto para a primavera de 2023.

As obras incluirán a renovación e dotación de servizos básicos, así como a humanización de diferentes espazos, facendo especial fincapé na seguridade peonil e na redución da pegada de carbono, respectando en todo momento as construcións tradicionais. Ademais, desde A Puntada se traballará tamén na posta en marcha dunha senda costeira ata Pontevedra. Gregorio Agís lembra que o proxecto foi dado a coñecer á cidadanía durante a fase de redacción.

 

Go to top