fbpx

O Concello de Poio procederá nos vindeiros días á dotación de sinalización no tramo da rúa Pedro Soto que atravesa un dos núcleos principais de Campelo, nas inmediacións da Praza da Granxa, co obxectivo de consolidar a plataforma única como un espazo sen diferenciación entre a calzada e as beirarrúas, co obxectivo de habilitar unha zona para efectuar tarefas de carga e descarga e de servizos. Así o confirma a concelleira de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, que explica que esta medida lévase a cabo en resposta ás demandas realizadas pola veciñanza e polos profesionais e comerciantes da zona. “Facilitamos deste xeito que os condutores e condutoras poidan realizar paradas breves para efectuar diferentes xestións, nunha área na que existen moitos negocios”, sinalou.

A concelleira do Goberno local lembra que “a actual infraestrutura non contemplaba a opción de parada, polo que realizala constituía unha infracción por aparcamento indebido sobre a beirarrúa. Así pois, esta medida levámola a cabo tras estudar a maneira de dar resposta a esta demanda”, engade.

Tal e como apunta Caldas Moreira, as tarefas para a dotación desta sinalización, que será tanto vertical como horizontal, levaranse a cabo ao longo desta semana. “Estabamos pendentes da finalización das Festas da Fátima para que os traballos non afectasen ás celebracións”, explicou, ao tempo que estimou que a actuación estará completada “en poucos días”, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan. A dotación desta zona de carga e descarga e servizos conta cos pertinentes informes técnicos favorables, nos que se establece que a actuación se estenderá a través de máis 600 metros cadrados.

Por último, a titular de Seguridade Cidadá apunta que “a preferencia na circulación seguirá a ser para o tránsito peonil” e que tamén se tomarán medidas para a redución de velocidade.

 

Go to top