fbpx

O Concello de Poio proxecta levar a cabo unha ampliación no Camiño Banda do Río, en Campelo, co obxectivo de que exista un espazo suficiente que garanta o paso dos vehículos de emerxencias e doutros servizos de importancia, ao mesmo tempo que se mellora a seguridade viaria e peonil. Este será un dos puntos a abordar na Comisión de Urbanismo que se celebra este mércores, 18 de maio. Tal e como consta no informe elaborado polo enxeñeiro municipal, o tramo do camiño no que se pretende actuar atópase entre unha marxe de vivendas a un lado e un muro de peche por outro.

A Administración local agradece a boa predisposición das persoas propietarias desta parcela á hora de ceder parte do terreo para poder facer realidade esta mellora, que  o Concello entende que é moi necesaria, dado o elevado número de veciños e veciñas que residen nesta zona da parroquia de San Xoán.

Segundo se inclúe no informe técnico, os traballos están valorados en algo máis de 8.000 euros e consistirán no desmonte do muro actual, para a continuación habilitar unha construción de zapata corrida de formigón e pedra. Tamén se procederá a reconstruír o peche, coa nova aliñación que se establece na cesión. O Concello de Poio confía en poder levar a cabo esta actuación canto antes, co obxectivo de permitir o paso de vehículos de emerxencias e reforzar a seguridade no tránsito rodado e peonil.

 

Go to top