fbpx

Máis de 200 estudantes de diferentes idades do tecido educativo de Poio participarán ao longo das vindeiras semanas en dúas iniciativas impulsadas desde a Concellería de Educación, dirixida pola nacionalista Raquel Rodríguez. Trátanse de dous obradoiros que versan, respectivamente, sobre a intelixencia emocional e sobre a importancia da educación afectivo-sexual na adolescencia. O primeiro destes talleres está dirixido a rapazas e rapaces de Educación Primaria, mentres que o segundo desenvolverase no IES de Poio.

O primeiro destes ciclos xa está en marcha deste este mércores. Un total de 22 nenas e nenos do CEIP Viñas (San Salvador) tomaron parte na sesión inaugural. Raquel Rodríguez sinala que ambos talleres están impartidos pola psicóloga Andrea Sieiro, que xa en cursos anteriores desenvolveu iniciativas similares nos centros educativos de Poio, “cun gran éxito de implicación e participación por parte dos e das estudantes”. Tal e como apunta a titular de Educación, “a nosa intención é desenvolver unha actividade con contidos específicos centrados en facilitar á rapazada ferramentas que lle permitan desenvolver a súa intelixencia emocional, que é un piar básico en calquera interacción social”. Deste xeito, nestas sesións o alumnado aprende, a través das pautas dadas por Andrea Sieiro, a percibir, expresar e controlar as emocións, de xeito que “se aprende a mellorar a habilidade para a comunicación ou para afrontar conflitos”.

Logo da súa estrea no CEIP Viñas, o taller impartirase, sucesivamente, no CEIP Chancelas de Combarro (20 de maio), CEIP Isidora Riestra de San Xoán (24 de maio), CEIP Espedregada de Raxó (6 de xuño) e CEIP Lourido de San Salvador (7 de xuño). A actividade está dirixida a estudantes de 4º, 5º e 6º de Primaria. Ademais, tamén se organizarán dúas sesións para alumnos e alumnas de 2º de ESO no IES de Poio. Precisamente, o instituto tamén acollerá proximamente sesións dun taller afectivo-sexual, que se desenvolverá en catro grupos diferentes. Sobre esta proposta, a concelleira Raquel Rodríguez fai fincapé en que “a educación sexual é unha ferramenta básica á hora de desenvolver unha sociedade diversa, igualitaria e rica en valores”, polo que desde o Concello apóstase por levar a cabo esta actividade, que inclúe contidos específicos para achegar ferramentas á mocidade que lles facilite a identificación e eliminación de situacións de riscos ou abusos sexuais, ao mesmo tempo que se afonda en cuestións como as enfermidades de transmisión sexual ou prevención de embarazos.

Raquel Rodríguez lembra, ademais, que “temos que seguir traballando en iniciativas que sirvan para loitar contra o aumento de prácticas sexuais de risco entre a mocidade, un feito que é preocupante e que se está a producir na nosa sociedade”.

 

Go to top