fbpx

O Concello de Poio está a traballar na elaboración dun estudo técnico de xestión e prevención de residuos municipais. O concelleiro responsable da área de Obras e Servizos, Julio Casás (PSdeG-PSOE), explicou que o primeiro paso acaba de darse nos últimos días, coa aprobación en Xunta de Goberno da adxudicación deste servizo. A empresa viguesa Examio Sociedad Limitada será a encargada de realizar este informe. O investimento ascende a algo máis de 7.000 euros, IVE engadido.

O edil do Goberno local explica que este trámite é “imprescindible”, xa que supón a base para realizar a adaptación que se esixe das ordenanzas de xestión e fiscal no que se refire ao tratamento do lixo, e que deberán estar actualizadas nos prazos que marca a normativa. Ademais, Casás Barral sinala que o documento tamén é moi importante porque “vainos permitir efectuar un diagnóstico concreto sobre o servizo”. Deste xeito, o estudo centrarase en cuestións como o análise da situación actual en materia de cantidade de residuos recollida e a realización de propostas para mellorar a xestión, tendo en conta factores como a estacionalidade existente en sectores como o turismo.

“En Poio, ao igual que sucede en moitos concellos que tamén son destinos de referencia, non se xera a mesma cantidade de residuos ao longo de todo o ano e iso é algo a ter en conta”, apunta o titular de Servizos Municipais, que engade que o informe tamén dará a coñecer “propostas e alternativas a efectuar para contar cun plan de tratamento de lixo o máis eficaz posible”. Estas propostas poden ir desde o aumento de centros de compostaxe comunitarios, plenamente consolidados xa no núcleo da parroquia de San Salvador, ata a modificación das liñas de recollida. “A recollida e tratamento do lixo ten que estar perfectamente adaptado ás características do concello”, apunta Casás.

Participación na visita a outras Comunidades a través do Plan Revitaliza

O concelleiro de Servizos Municipais participará na viaxe organizada pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan Revitaliza, co obxectivo de coñecer diferentes sistemas de xestión de biorresiduos, compostaxe e sistemas de recollida como o ‘Porta a porta’. A visita realizarase a diferentes lugares de Navarra, Euskadi e Cataluña, entre o luns 22 e o venres 27 de maio. En representación do Concello de Poio irán o propio Julio Casás e a mestra composteira municipal. “Agradecemos a proposta da Deputación, xa que esta será unha boa oportunidade para tomar decisións coas que poidamos cumprir os obxectivos de reciclaxe marcados pola nova normativa”, sinala o edil socialista, que lembra que en xuño de 2023 será obrigatorio ofrecer ferramentas e servizos que garantan a reciclaxe do 50% dos residuos. En 2025 a porcentaxe será do 55% e irá ascendendo ao 60% en 2030 e ao 65% en 2035 sucesivamente.

 

Go to top