fbpx

O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez (BNG), visitou hai uns días A Caeira para pasar revista a unha parcela na que o Concello de Poio proxecta habilitar hortas urbanas. Tal e como lembra o edil do Goberno local, trátase dun espazo que na actualidade xa é utilizado por un grupo de residentes para cultivar. “A idea é aumentar este tipo de espazos no municipio e que conten con todo o equipamento necesario para poder consolidar este tipo de hortas, dando así resposta a unha demanda veciñal”, explicou.

Martínez Blanco estivo acompañado por técnicos municipais e polas responsables das áreas de Seguridade Cidadá e Cultura e Educación, as tamén nacionalistas Marga Caldas e Raquel Rodríguez. A posta a punto das hortas é unha das actuacións prioritarias a impulsar a través da campaña Poio en Verde, organizada polo departamento de Medio Ambiente, en colaboración con estas concellerías, co obxectivo de consolidar a recuperación de espazos ao aire libre, ao mesmo tempo que se consolidan as actividades sustentables para toda a cidadanía. Precisamente, a dotación das hortas urbanas é un dos grandes obxectivos, habida conta dos beneficios que ofrecen estes cultivos. “Por un lado, mellórase a calidade de vida dos usuarios e usuarias, ao mesmo tempo que consolidamos nosos espazos verdes para a cidadanía”, recalcou Martínez Blanco.

Deste xeito, o Concello ten previsto mellorar a parcela que xa se utiliza actualmente na Caeira. Proximamente comezará a instalarse un peche deste espazo, ao mesmo tempo que se lle dotará con tomas de auga. Ademais, a Concellería de Medio Ambiente tamén aposta pola xestión de concesións, de xeito que se poida garantir unha utilización rotatoria entre todas as persoas interesadas. Ademais, a Administración local xa está a buscar novos emprazamentos para a ampliación deste tipo de hortas, ao tempo que se organizarán charlas para a veciñanza e actividades nos centros educativos para dar a coñecer os beneficios desta práctica.

 

Go to top