fbpx

O municipio de Poio está a experimentar un importante crecemento no que a actividade do sector produtivo local se refire, tal e como reflicte o aumento de sociedades mercantís creadas no que vai de ano. Segundo os datos publicados no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME), entre os meses de xaneiro e abril fundáronse un total de 17 entidades deste tipo (7 en xaneiro, 1 en febreiro, 5 en marzo e 4 en abril). Só Sanxenxo, con 25, e Barro (18) melloran esta cifra na contorna. O rexistro está moi afastado do acadado por outros concellos da bisbarra como Cerdedo-Cotobade (6), Ponte Caldelas (4), Vilaboa (4) ou nas proximidades, como é o caso de Marín ou O Grove, ambos con 6.

O concelleiro de Promoción Económica, o socialista Gregorio Agís, amosa a súa satisfacción á hora de valorar estas cifras. “Son números que nos fan ser optimistas e que amosan un crecemento de actividade no noso municipio esperanzador, máxime despois do duro golpe que supuxo a chegada da COVID-19 no ano 2020”, explica o responsable desta área. Unha das cuestións nas que fai fincapé Agís é que a tendencia que se está a marcar no que vai de 2022 indica que “se se mantén este ritmo estariamos en disposición de superar os rexistros correspondentes ao ano 2021. De manterse nesta media, Poio podería acabar 2022 superando o seu rexistro máximo de creacións de novas sociedades mercantís”. Ata o de agora, a cifra máis alta na última década corresponde a 2017 e a 2014, cando se deron de alta un total de 34 entidades. Con respecto ao exercicio pasado, as novas entidades ascenderon a un total de 26. Durante ese ano, Poio tamén destacou neste apartado, ao conseguir a mellor cifra da contorna, só por detrás de Sanxenxo (58).

Neste sentido, o responsable de Promoción Económica salienta a importancia destas cifras. “Hai que darlle valor a este contexto, tendo en conta que en Poio a día de hoxe seguimos sen poder contar co desenvolvemento do polígono empresarial de Fragamoreira. A Xunta de Galicia segue sen mover fichar para desbloquear un proceso que, sen dúbida, suporía un pulo definitivo para a actividade económica de Poio”, apunta Agís, que sinala que “desde o Concello seguimos a traballar para que o polígono sexa industrial, pero a nosa capacidade de manobra é limitada, sobre todo se o Goberno autonómico continúa sen asumir as súas competencias”. Neste contexto, o concelleiro do PSdeG-PSOE salienta a importancia de ofrecer ferramentas e iniciativas a aquelas persoas interesadas en emprender novos proxectos profesionais e montar novos negocios. “Desde o departamento de Promoción Económica imos continuar ofertando cursos e accións formativas, para que o municipio continúe a medrar e a ser un referente da bisbarra”, garante.

Porcentaxe de desemprego máis baixa desde 2007

Outro dato moi positivo ten que ver coa taxa de desemprego. Segundo o último informe realizado pola Consellería de Traballo, corresponde ao mes de abril, en Poio a devandita taxa quedou por debaixo do 12,5%, 985 persoas. É a primeira vez desde o ano 2007 que se rexistran estes parámetros. “Agora mesmo estamos situados en niveis previos á crise económica de 2008”, apuntou Gregorio Agís, que deixa claro que “desde Promoción Económica seguiremos apostando tamén por iniciativas que axuden a mellorar as posibilidades de inserción laboral da nosa veciñanza”.

 

Go to top