fbpx

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), mantivo hai uns días unha reunión de traballo con representantes da Asociación de Persoas con Discapacidade da comarca de Pontevedra Amizade, na que se abordaron diferentes cuestións, en camiñadas a garantir a mobilidade e a eliminación de barreiras que afecten ás persoas que padecen este tipo de doenzas. Na cita tamén estiveron presentes o enxeñeiro municipal e o responsable da Policía Local.

Tal e como explica a edil do Goberno local, tanto o Concello como o colectivo coinciden no seu compromiso á hora de impulsar iniciativas que sirvan para concienciar á sociedade sobre cuestións como o bo uso das prazas e espazos reservados para persoas con problemas de mobilidade. É por iso polo que estudará a opción de impulsar campañas informativas, a través da propia Concellería de Seguridade Cidadá e doutras áreas como Educación, para acadar este obxectivo. Ademais, segundo apunta Caldas Moreira, o Goberno local tamén se compromete a estudar as propostas realizadas polos representantes de Amizade para impulsar actuacións que garantan que as prazas para o estacionamento se adapten á normativa vixente, ao mesmo tempo que se estudarán fórmulas para facilitar os accesos a beirarrúas ou nas entradas de edificios municipais ou eventos lúdicos, culturais e deportivos que estean organizados pola Administración local. Tamén se porá o foco na mellora dos accesos a outros puntos de interese como as praias.

Neste sentido, a concelleira de Seguridade Cidadá lembra que xa nas últimas semanas o Concello de Poio procedeu a ampliar, mellorar e reforzar a sinalización de varias prazas de estacionamento reservado para persoas que padecen problemas de mobilidade reducida, situadas en diferentes puntos do municipio. Marga Caldas explica que as tarefas centráronse no repintado daqueles espazos nos que a sinalización horizontal “estaba xa moi deteriorada”, mentres que a dotación de novas prazas dan resposta a necesidades propostas pola veciñanza e cuxa instalación conta cos pertinentes informes técnicos favorables.

A través deste tipo de iniciativas o Goberno local aposta por traballar na garantía da mobilidade universal, sostible e sustentable, eliminando aquelas barreiras que afecten a persoas que padecen problemas de mobilidade.

 

Go to top