fbpx

Preto de 90 alumnos e alumnas do IES de Poio participaron este luns no obradoiro afectivo-sexual impartido pola psicóloga especializada Andrea Sieiro. As sesións, de 50 minutos de duración, leváronse a cabo en catro grupos diferentes. Esta iniciativa está organizada pola Concellería de Educación e ten coma obxectivo ofrecer aos mozos e mozas do instituto contidos específicos para achegar ferramentas á mocidade que lles facilite a identificación e eliminación de situacións de riscos ou abusos sexuais, ao mesmo tempo que se afonda en cuestións como as enfermidades de transmisión sexual ou prevención de embarazos.

Paralelamente a este obradoiro, Andrea Sieiro tamén está a traballar nestas semanas nunha iniciativa dirixida aos CEIPS de Poio, ademais de ao propio IES, que consiste nun ciclo sobre intelixencia emocional. Logo da súa estrea a pasada semana no colexio de Viñas, en San Salvador, e no de Chancelas (Combarro), este martes foi a quenda dos alumnos e alumnas do CEIP Isidora Riestra, na parroquia de San Xoán. O calendario complétase en xuño coas sesións no CEIP Espedregada de Raxó (día 6) e no de Lourido, San Salvador, o día 7. A través desta actividade preténdese facilitar ao alumnado a dispoñer de ferramentas que lles axuden a controlar e xestionar as emocións. En total, máis de 200 alumnos e alumnas de diferentes idades toman parte nestes ciclos.

 

Go to top