fbpx

O Pleno ordinario de maio, que terá lugar o vindeiro día 31, abordará unha modificación orzamentaria, que servirá para incrementar ou dotar de financiamento a diferentes actuacións de interese. Unha das principais corresponde ao proxecto impulsado polo Concello de Poio para a posta en valor e mellora do núcleo do Xuviño, na parroquia de Combarro. Segundo explica o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), que foi o responsable de impulsar esta actuación, o importe adicional que se gaña a través desta modificación ascende a preto de 150.000 euros, que proveñen do Remanente de Tesourería resultante da Liquidación do Orzamento municipal de 2021.

Agís explica que “unha vez que o Pleno da Corporación aprobe esta modificación, xa estaremos en disposición de iniciar a tramitación para licitar as obras, algo que confiamos en poder facer o antes posible”. O edil socialista incide na importancia de desenvolver estes traballos, que buscan poñer en valor e rehabilitar “un núcleo tradicional de gran relevancia, no que continuamos coa nosa filosofía de apostar pola mobilidade sustentable, ao mesmo tempo que se mantén un respecto absoluto cunha contorna tan particular coma a que hai no Xuviño”. O investimento total para facer realidade o proxecto superará os 300.000 euros. Gregorio Agís lembra que a actuación tamén se financiará a través de fondos europeos obtidos pola Concellería de Urbanismo e Promoción Económica, mediante xestión directa, ante o Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE).

O proxecto inclúe a mellora e renovación de servizos básicos e o reforzo da seguridade peonil. Gregorio Agís lembra que a actuación foi consensuada coas persoas residentes na zona, a quen se lles presentou o anteproxecto a principios deste mesmo ano. “Atendendo ás súas peticións, imos intentar que os traballos afecten o menos posible aos accesos a vivendas e que causen as mínimas molestias”, garantiu o titular de Urbanismo.

Gregorio Agís destaca a importancia de continuar “nesta liña de xestión e traballo, que nos levou a conseguir grandes contías obtidas a través de diferentes convocatorias de fondos e axudas impulsadas por outras entidades e institucións e que nos permiten seguir avanzando na recuperación e posta en valor da mobilidade sustentable e na redución do impacto da pegada de carbono, ao mesmo tempo que se revalorizan espazos e núcleos tradicionais, cunha maior seguridade para o tránsito das persoas”, concluíu.

 

Go to top