fbpx



O Concurso de Carteis de San Xoán xa ten gañadora. O deseño elixido polo xurado, composto por membros da Corporación e pola técnica de Cultura, foi o realizado por Inés Vázquez, alumna do CEIP Chancelas de Combarro. A súa proposta foi a que obtivo unha maior valoración nunha edición que rexistrou un nivel de participación “moi alto e de gran calidade”, tal e como apunta o presidente do xurado e concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez. Un total de 214 mozos e mozas tomaron parte nun certame que “este ano é moi especial, xa que, despois de dúas edicións marcadas pola pandemia da COVID-19, estamos en disposición de recuperar a programación habitual da que sen dúbida é unha das festas máis importancias do noso municipio”, recalca Martínez Blanco.

Como xa é habitual, o concurso presentaba catro categorías, divididas en función das idades dos e das participantes. Na A, para nenos e nenas de 5 a 8 anos, a gañadora foi Amanda Ríos, do CEIP Espedregada de Raxó. Outro alumno deste centro educativo, Feryangel Ruano, foi quen se levou o primeiro premio na categoría C, de 12 a 14 anos, mentres que a D, de 15 a 17 anos, quedou deserta. A autora do cartel elixido finalmente para ser a imaxe das Festas de San Xoán foi a máis votada no grupo B, de 9 a 11 anos. Como principal novidade, este ano o xurado tamén decidiu outorgar un obsequio aos máis cativos e cativas, de 5 anos, a modo de recoñecemento e para salientar a implicación e o esforzo dos nenos e nenas de menor idade. Neste apartado, o recoñecemento foi para Sofía Gutiérrez, do CEIP Lourido (San Salvador).

En total, a Concellería de Festexos reparte máis de 400 euros en premios a través deste certame, que consistirán en vales para utilizar nas librarías de Poio, o que supón tamén un aliciente para dinamizar a actividade do comercio local. A maiores, os cativos e cativas gañadores tamén se levarán un agasallo a modo de obsequio conmemorativo. Como xa é habitual, a entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 22 de xuño, coincidindo co inicio das festas. Xosé Luís Martínez quixo expresar o seu agradecemento a todas e todos os participantes por implicarse, un ano máis, nesta iniciativa, ao mesmo tempo que destacou “a imprescindible implicación do profesorado dos centros educativos do noso concello á hora de fomentar a participación entre os alumnos e alumnas no certame”.

Cómpre lembrar que este ano as Festas de San Xoán recuperan citas tan emblemáticas como a lectura do pregón, as fogueiras, a tirada de fogos de artificio ou a gran sardiñada.

 

 

Go to top