fbpx

O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez (BNG), acompañado do alcalde, Luciano Sobral, presentou hoxe a programación das Festas de San Xoán 2022, unha edición “das máis especiais”, toda vez que recupera a súa esencia tras dous anos nos que o Concello se viu na obriga de adaptar o programa ás restricións provocadas pola pandemia da COVID-19. “As nosas festas patronais volven con máis forza que nunca para consolidarse novamente como unha das citas de referencia da bisbarra no comezo do verán”, aseveraron tanto o rexedor como o edil do Goberno municipal, aos que tamén acompañaron as concelleiras nacionalistas Raquel Rodríguez e Marga Caldas, ademais de representantes de asociacións e artistas que protagonizarán diferentes actividades e iniciativas entre o 22 e o 26 de xuño.

DESCARGAR PROGRAMA [PDF]

Como non podía ser doutro xeito, citas como as verbenas, a gran fogueira da Seca, a sardiñada ou a lectura do pregón retornan para ter un gran protagonismo na programación. Martínez Blanco adiantou que o pregoeiro nesta edición de 2022 será o actor, director e narrador de Ribeira Quico Cadaval, “un dos grandes persoeiros da nosa cultura e que a bo seguro deleitará á veciñanza coa súa intervención”, indicou o titular de Festexos. A lectura do pregón será un dos grandes reclamos do inicio das festas o mércores 22 de xuño, ás 21.00 horas. Previamente, ás 20.30 horas, haberá un desfile e foliada ancestral con saída desde a rúa Fernández de la Mor a e ata a Praza do Concello. Tamén se recupera este ano a entrega de premios do concurso de carteis de San Xoán e os Premios do Deporte, correspondente ás temporadas 2020-2021 e 2021-2022. Unha actuación a cargo de Nelson Quinteiro, coa Asociación Cultural Máis Cantos, dará paso á degustación gratuíta de 100 quilos de rosca e de 300 litros de viño.

Con respecto ao xoves 23, Xosé Luís Martínez sinala que “sen dúbida será outra xornada moi especial, como é o prendido da Fogueira ás 23.30, con espectáculo de lume incluído”. A explanada da Seca tamén acollerá ás 22.30 a primeira das verbenas da semana, a cargo da Orquestra Marbella, mentres que desde as 21.30 comezaranse a servir os 350 quilos de sardiña asada. Pola tarde, a Asociación Cultural O Ronsel volverá organizar a tradicional Recollida de Herbas de San Xoán, acompañada polas Pandereteiras do Ronsel, desde as 18.00 horas, con saída desde as inmediacións da antiga escola unitaria do Sartal. Xa o venres 24, día do patrón, ás 12.00 horas celebrase a misa e procesión na honra de San Xoán, coa actuación da Coral de Poio e posterior concerto da Banda de Música de Cabral. Ás 22.00 A Seca acollerá os concertos da Orquestra Saudade e a Charleston Big Band. O sábado 25, os actos relixiosos serán polo día de Santa Trahamunda. Ás 13.00 horas será a Subida a San Martiño, coa intervención do Grupo Folclórico Vides Novas e concerto previo da Banda de Música da Lama. A música seguirá sendo protagonista pola tarde, cun concerto a cargo da Escola de Acordeóns en Liñares (20.00 horas) e a verbena amenizada na Seca por Panorama e o Grupo Atenas (21.30 horas).

Por último, o domingo 26 a misa e procesión, tamén ás 12.00 horas, será na honra de San Fructuoso, con concerto posterior da Banda de Música de Arcade. Os integrantes da Escola de Acordeóns actuarán en Vilariño, tamén ás 20.00 horas, e a última verbena correrá a cargo de Capitol e París de Noia. A media noite, a tirada de fogos de lucería porá o punto e final a “unhas festas de referencia que chegan para quedarse nesta nova normalidade”, augurou Xosé Luís Martínez. Ao longo de todos estes días, ás 10.00 horas haberá alboradas nas parroquias a cargo de agrupacións folclóricas locais. Pola súa banda, o alcalde Sobral agradeceu a implicación do tecido asociativo local á hora de colaborar na consolidación dun programa “pensado para o goce da veciñanza e das persoas que nos visitan nestas datas. Contamos con citas que a bo seguro atraerán a moita xente doutros municipios”.

PROGRAMACIÓN SANXOÁN 2022

MÉRCORES 22 XUÑO
20:30 Desfile e foliada ancestral de San Xoán. Saída desde a rúa Fernández de la Mora ata a praza do Concello.Concello.
21:00 Pregón de San Xoán dende a Casa Consistorial: entrega dos premios do concurso carteis de San Xoán e dos premios do deporte 2022.
Lectura do pregón a cargo de Quico Cadaval.
Actuación de Nelson Quinteiro, a Asociación Cultural Máis Cantos e charanga tradicional.
Degustación de rosca e viño.

XOVES 23 XUÑO
  10:00 Alboradas nas parroquias a cargo de agrupacións folclóricas locais.
  18:00 Recollida de herbas de San Xoán coas Pandereteiras do Ronsel
(Local Social Sartal). Organiza: A.C. Ronsel.
  21:30 Sardiñada popular na Seca.
  22:30 Gran verbena amenizada pola Orquestra Marbella.
  23:30      Espectáculo de lume e prendido da Fogueira na Seca.

VENRES 24 XUÑO
  10:00 Alboradas nas parroquias a cargo de agrupacións folclóricas locais.
  12:00 Misa solemne na honra de San Xoán Bautista, coa actuación da Coral de Poio.
  13:00 Concerto da Banda de música de Cabral.
  22:00 Gran verbena amenizada pola Orquestra Saudade e Charleston Big Band.

SÁBADO 25 XUÑO
  10:00 Alboradas nas parroquias a cargo de agrupacións folclóricas locais.
  12:00 Misa solemne na honra de Santa Trahamunda, coa actuación da Coral Virxe de Fátima.
  13:00 Subida a San Martiño acompañado polo Grupo Folclórico Vides Novas.
  13:00 Concerto da Banda de Música de A Lama.
  20:00 Concerto da Escola de Acordeóns en Liñares.
  21:30 Gran verbena amenizada pola Orquestra Panorama e o Grupo Atenas.

DOMINGO 26 XUÑO
  10:00 Alboradas nas Parroquias a cargo de agrupacións folclóricas locais.
  12:00 Misa solemne na honra de San Fructuoso, coa actuación da Coral Virxe da Renda.
  13:00 Concerto da Banda de Música de Arcade.
  20:00 Concerto da Escola de Acordeóns en Vilariño.
   21:30 Gran verbena amenizada polas orquestras  Capitol e París de Noia.
  00:00 Fogos de lucería.

 

Go to top