fbpx

A Casa Museo de Colón comeza “unha nova etapa”. Así o considera a tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), logo de que o Concello activase o Plan de Dinamización que servirá para dar un novo pulo ás emblemáticas instalacións situadas no lugar de Portosanto. A edil do Goberno local mantivo hai uns días unha reunión de traballo con responsables da firma Tempos Arqueólogos, que será a encargada de desenvolver as iniciativas que se inclúen no devandito plan, e con Pedro Martín, presidenta da Asociación Galicia Histórica, un colectivo “plenamente implicado na difusión e promoción do museo e da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón”, apunta Díaz.

No encontro tamén tomou parte o responsable de Pesca e Marisqueo, o socialista Julio Casás. Tal e como explica a responsable de Turismo, ao longo dos vindeiros meses estas dependencias acollerán actividades pensadas para diferentes públicos, ao tempo que se segue a traballar na posta en valor da cultura mariñeira e marítimo pesqueira do territorio. “Aspiramos a que este centro se consolide como un referente na interpretación e xestión do patrimonio galego”, recalca Silvia Díaz. Este plan de dinamización finánciase a través dunha achega que o Concello de Poio obtivo do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, grazas á adhesión da Casa Museo á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA).

Esta folla de ruta inclúe unha serie de actuacións e premisas que se aplicarán para aumentar o número de visitas e de actividades a desenvolver na Casa Museo. Tal e como recorda a tenente de alcalde, as instalacións, inauguradas no ano 2010, reciben de xeito periódico a grupos de excursionistas, que, coa inestimable colaboración da Asociación Galicia Histórica, achéganse ata Portosanto para coñecer a documentación e o material que se exhibe no inmoble e que defende a teoría do Colón Galego. “Agora, queremos dar un paso máis e chegar a un público moito máis heteroxéneo”, indica a concelleira de Turismo. Para iso, Tempos Arqueólogos aplicará unha serie de medidas encamiñadas a reforzar as visitas de colectivos escolares, turistas, persoas da terceira idade ou afeccionados e especialistas interesados na figura de Cristóbal Colón. Crearanse bases de datos de centros educativos infantís, universidades, oficinas de turismo da bisbarra ou de aloxamentos turísticos, entre outros, para o reparto de folletos e o envío de información sobre a Casa Museo e os seus horarios, para fomentar a organización destas excursións.

Con respecto ás actividades a desenvolver, o Plan de Dinamización inclúe unha relación de obradoiros para grupos de entre 5 e 30 persoas e que varían na súa temática e duración en función da idade dos e das participantes. Así, para o alumnado de Educación Infantil e Primaria se propoñen talleres de fomento da creatividade, a través dos cales poderán coñecer a grandes artistas da Idade Media. Tamén se incluirán ciclos sobre arqueoloxía, obradoiros musicais e de cerámica, moitos dos cales se ofrecerán tanto a un público infantil como adulto. “Ademais, apostamos por fomentar outro tipo de citas, como as presentacións de libros, a realización de cursos vencellados ao patrimonio ou a organización de charlas e xornadas divulgativas”, apunta Silvia Díaz.

Visitas teatralizadas

Por outra banda, a tenente de alcalde tamén confirmou ao longo do verán se desenvolverán visitas teatralizadas tanto na Casa Museo de Colón como no Bosque de Secuoias, a cargo de Leucoíña Pasea. Trátase dunha iniciativa pensada para persoas maiores de 6 anos e que contarán con 15 prazas por sesión. As inscricións poderán facerse enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

As dúas primeiras citas serán o 20 e 21 de xullo, ás 21.30 horas, no Bosque de Secuoias, que tamén acollerán unha nova sesión o 1 de setembro, ás 19.00 horas. Previamente, do 18 ao 20 de agosto esta actividade terá lugar nas dependencias do museo (11.30 horas). Este calendario poderá verse modificación en función das inclemencias meteorolóxicas. A tenente de alcalde expresa o seu agradecemento á Comunidade de Montes de San Xoán, titular dos terreos nos que se empraza a plantación de secuoias, pola súa colaboración, “que resulta imprescindible para poder desenvolver unha actividade coma esta”.

 

Go to top