fbpx

O Concello de Poio reforzará a dotación de contedores do lixo nas proximidades aos acesos das praias habilitadas para o baño ao longo de toda a franxa costeira do municipio, facendo especial énfase nas que reciben a un maior número de bañistas ao longo do verán. Así o confirmou na mañá deste luns o concelleiro de Obras e Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, que explicou que esta medida virá acompañada da retirada das papeleiras e recipientes situados nos propios areais. O edil do Goberno local garante que “as persoas que gocen das nosas praias durante a tempada estival contarán con puntos suficientes para depositar os restos”, se ben fixo fincapé na necesidade de concienciar tanto á veciñanza como aos e ás visitantes da importancia de que estes residuos non se deixen nos areais.


Casás Barral entende que esta medida supón grandes beneficios tanto a nivel medioambiental como de recursos. No primeiro caso, o responsable de Servizos Municipais recalca que “coa retirada das papeleiras e a dotación de contedores na vía pública en emprazamentos próximos aos acesos ás praias evitamos que se dean situacións como a acumulación de lixo na area”. Neste sentido, Julio Casás lembra que, a pesar dos traballos periódicos que sempre se levan a cabo durante o verán, “nas xornadas de maior afluencia esa acumulación de restos podía producirse, o que tamén xeraba a presenza de animais que esparcían o lixo”. Ademais, o concelleiro do PSdeG-PSOE tamén indica que grazas a esta aposta as tarefas de retirada e recollida de restos levaranse a cabo con moita máis axilidade.

“Apelamos á concienciación veciñal e da cidadanía para que, cando abandonen as praias, depositen os restos nos contedores habilitados nas proximidades. É un xesto que require de moi pouco esforzo, que serve para manter o coidado do medio ambiente e polo que cada vez máis concellos costeiros apostan”, sinala Julio Casás, que se amosa convencido de que a cidadanía “dará unha boa resposta, como o demostra a súa implicación no elevado uso dos servizos de reciclaxe que temos en Poio, como é o Punto Limpo Móbil, a retirada de voluminosos a domicilio ou os composteiros”.

Á marxe desta medida, o Concello continúa a desenvolver traballos de limpeza e posta a punto, de xeito periódico, nas 15 praias habilitadas para o baño. Neste sentido, nas últimas semanas procedeuse á instalación de duchas en todos estes areais. Nos vindeiros días tamén se habilitarán os módulos de aseos que darán servizo nas praias de Raxó, Xiorto e Cabeceira, aos que se suman os que permanecen operativos durante todo o ano, como son os de Lourido, e O Laño, ademais do módulo situado no porto de Combarro e que tamén é utilizado por bañistas da praia da Canteira.

Proceso de contratación de socorristas

Por outra banda, o Concello de Poio avanza no proceso de tramitación para a contratación de socorristas, que prestarán servizo nas praias de Cabeceira e Xiorto. O responsable de Persoal, Xosé Luís Martínez (BNG), informa de que a partir deste martes 21 de xuño publicarase na Sede Electrónica o listado provisional de admitidos e admitidas. A partir de aí, haberá un prazo de dous días hábiles para a presentación de reclamacións e para a realización de enmendas que motivaron as exclusións. Posteriormente, darase a coñecer a lista definitiva de admitidos e admitidas, ademais da designación dos membros do tribunal cualificador. A intención da Administración local é que os e as profesionais contratadas xa estean operativas a partir de principios de xullo e ata ben entrado o mes de setembro.

 

Go to top