fbpx

A concelleira de Mocidade, a socialista Rosa Fernández, confirma que as ‘Andainas de Primavera’, rematadas neste mes de xuño, terán continuidade unha vez finalizado o verán. Será entón cando o departamento municipal impulse as ‘Andainas de Outono’, dando así resposta á demanda e ao interese suscitado por esta iniciativa, pensada para fomentar hábitos saudables, ao  tempo que se lle ofrece á veciñanza a posibilidade de coñecer lugares de interese polo seu valor paisaxístico ou patrimonial dentro da provincia de Pontevedra.

Aínda que a nova programación non está pechada, a edil do Goberno municipal adianta que as seguintes saídas, tamén de carácter gratuíto, terán lugar en outubro, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan. Unha desas excursións será á Senda do Barragán, en Pazos de Borbén, que estaba prevista para este pasado domingo e que finalmente quedou adiada polo mal tempo. Ademais, tamén se levarán a cabo visitas a lugares de interese do propio municipio poiense.

A edil de Mocidade salienta o gran éxito desta iniciativa, que contou con preto de 150 persoas inscritas desde os eu comezo. “Practicamente enchemos o 100% das prazas para todas as excursións, dando sempre prioridade á veciñanza de Poio”, apunta Rosa Fernández. Pontesampaio, Castrelo, a fachada litoral de Cangas do Morrazo ou a Fervenza do Segade, en Caldas de Reis, foron algúns dos lugares visitados a través desta programación.

 

Go to top