fbpx

Poio xa respira aroma a San Xoán. A Praza do Mosteiro acolleu este mércores o inicio das festas patronais, que por fin retoman o seu formato habitual logo de dous anos de restricións, e no que un dos grandes protagonistas foi o director e actor Quico Cadaval, quen co seu humor deleitou ás numerosas persoas que acudiron á cita facendo unha serie de mencións cómplices á tradición desta festa, así como ao Mosteiro, ás sardiñas asadas ou á Illa de Tambo. “Para exorcizar tantos males que nos veñen por terra, mar e ar, no vento e no tren, diminuto coma un virus ou xigante coma un exército, o Concello de Poio convoca a unhas festas de San Xoán que van ser o comezo dunha nova era”, asegurou o pregoeiro.

PROGRAMA SAN XOÁN 2022 [PDF]

Na súa intervención tamén reivindicou as orixes poienses de Cristóbal Colón e fixo mención a personaxes históricas como o pirata Francis Drake, que “morreu de disentería despois de tentar profanar a Illa de Tambo” ou o Padre Sarmiento, “o primeiro que catalogou o ramalliño das herbas de San Xoán e soubo distinguilo das herbas do licor que facía o convento”.

O alcalde, Luciano Sobral, acompañado polos membros do Goberno local e da Corporación municipal, presidiu o acto, sentíndose “plenamente feliz” de poder volver a celebrar “como merecen” as que son unhas das grandes festas do municipio. “Chega o momento de espantar os malos espíritos”, celebrou. Un gran desfile e foliada ancestral, que se prolongou ao longo de toda a rúa Fernández de la Mora, ata chegar á Praza do Mosteiro, serviu de inicio á xornada festiva. Posteriormente, antes da intervención de Quico Cadaval, chegou outro dos grandes momentos máis agardados: a entrega de galardóns, con obsequio incluído, a todas e todos os gañadores dos Premios ao Deporte San Xoán 2021 e 2022. Ademais, tamén houbo o recoñecemento habitual para os nenos e nenas que presentaron os mellores deseños no Concurso de Carteis. Este ano, a imaxe que luce nos carteis foi a elaborada por Inés Vázquez, do CEIP Chancelas. Tamén resultaron premiados nas diferentes categorías, divididas por idades, Amanda Ríos (CEIP Espedregada), Feryangel Ruano  (CEIP Espedregada) e Sofía Gutiérrez (CEIP Lourido). Todas e todos eles foron presentados polo concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, que tamén salientou a notoriedade destas festas, asegurando que “son a demostración perfecta de que Poio é unha vila chea de vida”. Se ben o Concello procedeu á instalación dunha carpa por se as condicións meteorolóxicas non acompañaban, finalmente tanto o saúdo dos e das gañadoras como a lectura do pregón puideron realizarse desde o balcón do primeiro andar do Consistorio, tal e como manda a tradición.

A continuación, Nelson Quinteiro e a Asociación Cultural Máis Cantos fixeron unha emocionante interpretación do himno de Galicia, ademais dun espectáculo musical na carpa. A música serviu para amenizar a degustación gratuíta dos 100 quilos de rosca e 300 litros de viño que o Concello puxo a disposición da veciñanza para gozar deste gran inicio das Festas de San Xoán.

Mañá, 23 de xuño, terá lugar a tradicional sardiñada ás 21.30 horas. Posteriormente, actuará a Orquestra Marbella na primeira das verbenas desta semana (22.30 horas) e ás 23.30 horas procederase ao espectáculo de lume e prendido da gran cacharela na Seca.

 

Go to top