fbpx

Un total de 15 guías turísticas, entre as que se atopaban representantes de preto de 10 empresas especializadas da contorna, así como varios autónomos e autónomas, participaron esta semana na primeira edición das Xornadas Os Recursos Turísticos de Tambo, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Turismo, en colaboración coa Irmandade Illa de Tambo, co obxectivo de dar a coñecer entre as persoas que traballan neste sector todos os recursos e atractivos cos que conta a illa situada en pleno corazón da ría de Pontevedra.

A tenente de alcalde e responsable deste departamento municipal, Silvia Díaz (Avante Poio), participou na mañá deste xoves nunha visita guiada realizada ‘in situ’ a este emblemático enclave. Acompañados por representantes de Illa de Tambo, os e as profesionais inscritas nesta formación tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man emprazamentos e lugares de interese cos que conta Tambo, como son o faro de Tenlo, o antigo polvorín ou os restos do lazareto e da capela de San Miguel, entre outros. Previamente, o pasado mércores, as persoas inscritas tomaron parte nunha sesión técnica, na que se abordaron aspectos teóricos sobre a illa. Esta parte teórica desenvolveuse, tamén coa colaboración de integrantes da asociación, nunha das aulas do Centro de Formación da Reiboa, na Seca (San Xoán).

Díaz destaca a gran acollida que tiveron estas xornadas, como o demostra o feito de que se inscribisen guías turísticas de concellos de diferentes puntos das Rías Baixas, como O Grove, Soutomaior, Vigo, Pontevedra ou Gondomar. “Estes e estas profesionais, polo labor que desempeñan, son unha canle de difusión moi importante, polo que é necesario que estean perfectamente familiarizadas cos recursos e atractivos de Tambo”, apunta a responsable de Turismo, que, en vista do éxito da iniciativa, non descarta a organización de novas edicións.

 

Go to top