fbpx

O Concello de Poio, a través do departamento de Promoción Económica, desenvolverá este verán unha formación gratuíta sobre ‘upcycling’ e suprarreciclaxe no textil. “É unha proposta que facemos en chave de oportunidade de emprego verde, xa que, ademais de promover unha acción formativa, tamén apostamos pola preservación do medio ambiente, cumprindo co establecido na Axenda 2030”, apunta o titular da área, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE).

Este curso, que se fará ao longo do mes de xullo, contará cunha duración de 60 horas, 45 de formación on line e 15 presencial. As sesión serán do 12 ao 26, sendo as presenciais os días 14 e 26, que serán no Centro de Formación da Reiboa, na Seca (San Xoán). O exame final terá lugar a mediados de setembro. A formación constará dun módulo de 5 horas sobre economía circular e outro de 10 sobre empregabilidade e inserción. A encargada de impartir estas sesións será Patricia Soto, xerente da marca viguesa La Canalla. O proxecto está financiado a través da Fundación Biodiversidad e estará dirixido a persoas que se atopen en situación de desemprego, establecendo como colectivos prioritarios a mulleres, así como a mozos e mozas menores de 35 anos, persoas maiores de 45, inmigrantes ou veciñanza do rural, entre outros sectores.

“A través deste taller formativo buscamos capacitar ás persoas inscritas para que impulsen creación de novos produtos e complementos de moda a través da revalorización e da reciclaxe doutros residuos textís”, apunta o concelleiro de Promoción Económica, que sinala que os contidos versarán sobre manexo técnico de instrumentos de corte, desmontaxe de prendas para darlles un segundo uso, construción de elementos a partir de pezas recuperadas, preparación de materiais, confección e etiquetado e comercialización. “Mantemos con este curso a filosofía do programa que vimos desenvolvendo ao longo dos últimos meses para ofrecer accións formativas a persoas que se atopan en situación de desemprego, co engadido que supón apuntalar a aposta que facemos desde o Concello no que a concienciación medio ambiental se refire”, conclúe Gregorio Agís.

En total, poranse a disposición entre 15 e 23 prazas, en función da demanda. As persoas interesadas poden obter máis información enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

 

Go to top