fbpx

O Concello de Poio vén de aprobar a adxudicación dun dos proxectos máis importantes no que á mellora de infraestruturas deportivas do municipio se refire. Trátase da actuación impulsada desde a Concellería de Deportes para mellorar o campo de fútbol da Reiboa, situado na parroquia de San Xoán. A Xunta de Goberno Local deu hai uns días o visto bo á licitación da obra, que será executada pola empresa especializada Obras y Pavimentos Especiales (OPSA), cun orzamento que ascende a un total de 271.595,74, IVE engadido. Esta firma foi a que obtivo unha mellor puntuación no proceso de licitación, que recibiu un total de seis ofertas.

A concelleira responsable deste departamento, a nacionalista Marga Caldas, confía en que os traballos para a substitución do céspede sintético poidan comezar ao longo do verán, de xeito que o terreo de xogo poida volver a ser utilizado polos clubs que habitualmente compiten e adestran neste espazo no menor tempo posible. “Impulsamos esta actuación porque é moi necesaria, toda vez que a superficie xa se atopaba moi deteriorada”, indica a edil do Goberno municipal. Tal e como consta no proxecto, a empresa adxudicataria procederá a habilitar un céspede sintético de última xeración, que cumprirá con todos os requisitos de calidade establecidos pola Federación Internacional de Fútbol (FIFA). O primeiro paso será a retirada de elementos como os bancos e as porterías, ademais do céspede actual. Unha vez retirada esta superficie, procederase á reparación do asfalto, co obxectivo de garantir unha correcta escorrentía de augas, o que axudará a evitar acumulacións no céspede en época de choivas. Ademais, no proxecto inclúese a limpeza e posta a punto do sistema de drenaxe. Finalmente, habilitarase o novo tapete. Ademais, a concelleira de Deportes informa de que este proxecto aproveitarase tamén para renovar as porterías, as bandeirolas dos currunchos e os canóns de rego. Marga Caldas sinalou actuacións coma estas “sempre serán unha prioridade para nós, dado o amplo tecido deportivo que temos en Poio”. Ademais, tamén salientou a importancia de contar cunhas instalacións de primeiro nivel, que “axudan a que o municipio acolla eventos de categoría, como é o caso do recente Campionato Nacional de fútbol sub-14 e sub-16, que celebrou varios encontros, incluídas as semifinais, no campo da Seca, que precisamente tamén experimentou unha importante remodelación hai uns anos”.

Esta mellora do céspede da Reiboa súmase tamén aos traballos que o Concello de Poio desenvolveu para mellorar e apostar polo mantemento das pistas exteriores, así como o  dos circuítos da Escola de Ciclismo. “Queremos consolidar esta área como un punto de referencia multidisciplinar en chave deportiva e de hábitos saudables”, conclúe Caldas Moreira.

 

Go to top