fbpx



A sesión ordinaria do Pleno ordinario deste martes 28 de xuño abordará, entre outras cuestións, unha moción impulsada polo grupo municipal de Avante Poio en favor da defensa dos dereitos das persoas LGTBI+. Así o adianta a tenente de alcalde, concelleira de Igualdade e voceira de Avante, Silvia Díaz, que lembra, asemade, que estes días pendurarase a bandeira LGTBI+ na fachada principal do Consistorio, como xa vén sendo habitual nos últimos anos, para manifestar “o posicionamento  da Corporación municipal en favor da diversidade, da liberdade afectivo-sexual e de identidade de xénero”.

A través esta moción, tamén se busca reafirmar o compromiso do Concello de Poio en traballar en favor da erradicación definitiva “das condutas homofóbicas, bifóbicas e transfóbicas nos distintos ámbitos de convivencia, así como reprobar as desigualdades e discriminacións que a día de hoxe seguen sufrindo as persoas deste colectivo”, apunta Díaz. O documento tamén solicita ao Goberno central que impulse unha axenda estatal que avance nas recomendacións establecidas pola Comisión Europea na súa primeira ‘Estratexia de Igualdade LGBTIQ 2020-2025’. Esta axenda “debe partir dun enfoque interseccional e transversal, que permita a inclusión das polítcas LGTBI en todos os ámbitos da acción gobernamental”, expón Silvia Díaz, que tamén considera que o Estado ten que aprobar a lei para a igualdade “real e efectiva” das persoas trans, que recolla as demandas históricas deste colectivo.

Por último, a través desta moción ínstase á Xunta de Galicia a que priorice a difusión dos informes do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, creado en 2018 para analizar os principais problemas do colectivo LGTBI+, denunciar situacións de discriminación e elaborar propostas sobre políticas públicas.  Ademais, tamén se lle solicita á Administración autonómica que leve a cabo campañas efectivas de igualdade e respecto pola diversidade, entre a cidadanía e nos centros educativos, destinadas tanto ao alumnado como ás familias, que favorezan a non discriminación das persoas LGTBI+.

Banco do Orgullo LGTBI+ no Paseo de Lourido

Por outra banda, a concelleira de Igualdade explicou que nos últimos días desde este departamento impulsouse a colocación un banco coas cores da bandeira do orgullo LGBTI+, que se empraza no paseo de Lourido, nas proximidades da praia. A través desta iniciativa o que se busca é  “contribuír a dar visibilidade nos espazos públicos ao colectivo e ao compromiso da Corporación municipal a prol dos dereitos e a non discriminación”, apunta Silvia Díaz.

 

Go to top