fbpx

A Avenida da Praia de Lourido acollerá o vindeiro domingo, 3 de xullo, a iniciativa Un mercado en cada porto, que traerá ata Poio un total de 15 postos de artesanía galega, con produtos elaborados por mulleres. A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), acompañada pola tamén nacionalista Marga Caldas, deu a coñecer hoxe os detalles desta cita, coa que se busca “poñer en valor o labor das nosas artesás e creativas, ao tempo que se lle dá visibilidade ao traballo tradicional e o patrimonio do país”.

Tal e como indicou Rodríguez Alonso, estes postos estarán operativos desde as 11.00 ata as 20.00 horas do domingo, nas inmediacións do aparcadoiro. “Entendemos que o emprazamento é ideal, xa que a contorna de Lourido é un punto de encontro habitual para a veciñanza, ademais de atraer tamén a moitos e moitas visitantes en xornadas festivas, especialmente se a meteoroloxía acompaña”, apuntou a responsable de Cultura, que deixou claro “o compromiso que temos no Concello á hora de recuperar as raíces e a tradición de xeracións anteriores”.

As persoas que se acheguen ata as inmediacións da praia de Lourido durante o vindeiro domingo poderán atopar produtos artesanais de todo tipo. Ademais, a música tamén será protagonista, xa que a xornada estará amenizada pola Asociación Vides Novas, en horario de mañá, e pola Escola de Música Tradicional de Poio pola tarde. Raquel Rodríguez lembra que esta é a segunda edición de Un Mercado en cada porto, que o ano pasado “resultou un gran éxito nos diferentes concellos nos que se levou a cabo”.

 

Go to top