fbpx

O responsable municipal de Obras e Servizos, Julio Casás (PSdeG-PSOE) pasou revista estes días ao estado das obras que se están a executar entre as avenidas de Andurique e A Porteliña, na marxe dereita en dirección a San Xoán, e que serven para renovar os servizos básicos para toda a veciñanza da contorna. Estes traballos comezaron hai xa varios días e, en palabras do propio edil socialista, avanzan a bo ritmo.

Casás, que estivo acompañado polo concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o tamén socialista Gregorio Agís, lembrou que esta actuación dá continuidade á realizada nos últimos meses na recta da Porteliña, tamén nun tramo correspondente á PO-308. “Logo das revisións levadas a cabo comprobamos que hai tramos das tubaxes que se atopan en mal estado, polo que é preciso proceder á súa substitución e renovación”, indica o edil de Obras de Servizos Municipais. Esta obra abarca unha extensión que supera os 200 metros, desde as inmediacións do Pazo de Besada ata o cruce da estrada co acceso ao CEIP Viñas, aproximadamente. Unha vez se complete a substitución das tubaxes, reporase a superficie, garantindo os pertinentes espazos para viandantes e peóns. “Somos conscientes de que son obras que poden xerar molestias e por iso agradecemos a comprensión da veciñanza, xa que estamos a falar duns traballos que son moi necesarios para garantir prestacións básicas á cidadanía”, apuntou Julio Casás.

O investimento para esta actuación ronda os 60.000 euros.

 

Go to top