fbpx

A Praza da Chousa de Combarro acollerá o vindeiro domingo, a partir das 19.30 horas, día 3 de xullo, un concerto a cargo dos e das integrantes do grupo de clarinetes do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía, un dos máis prestixiosos da provincia de Pontevedra. Tal e como sinala a concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, esta é unha das primeiras citas da programación que o Concello de Poio desenvolverá desde este verán, e ata novembro, con motivo da conmemoración dos 50 anos do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico.

Precisamente, a titular responsable deste departamento mantivo o pasado mércores unha reunión con representantes do tecido asociativo da parroquia, para falar das diferentes iniciativas que se levarán a cabo ao longo destes meses co obxectivo de “lembrar e poñer en valor un fito histórico como foi ese nomeamento”. A programación será presentada nos vindeiros días. Rodríguez Alonso adiantou que “a veciñanza terá ocasión de gozar con citas de todo tipo, na que a música, a historia, o patrimonio ou o deporte serán grandes protagonistas”. Ademais, o 19 de novembro celebrarase o acto institucional do 50 aniversario, toda vez que foi ese día, no ano 1972, cando Combarro acadou esa definición de Conxunto Histórico.

Raquel Rodríguez expresa o seu agradecemento tanto ás institucións como a entidades e empresas colaboradoras neste programa, como é o caso de Supermercados Froiz, así como ao tecido asociativo de Combarro.

Por outro lado, a edil de Cultura lembra que este domingo tamén se desenvolverá, de 11.00 a 20.00 horas, ‘Un mercado en cada porto’, en Lourido. Trátase dunha iniciativa que tamén forma parte do programa e que contará con 15 postos de artesanía galega, con produtos elaborados por mulleres. Raquel Rodríguez (BNG) salienta o compromiso de “poñer en valor o labor das nosas artesás e creativas, ao tempo que se lle dá visibilidade ao traballo tradicional e o patrimonio do país”.  A xornada estará amenizada pola Asociación Vides Novas, en horario de mañá, e pola Escola de Música Tradicional de Poio pola tarde.

 

Go to top