fbpx

A undécima edición da Concentración Motera A Rosa dos Ventos xa quece motores. Despois de dous anos de ausencia por mor do impacto da pandemia da COVID-19, a emblemática cita, un dos grandes referentes do verán no municipio, volverá esta fin de semana, do venres 8 ao domingo 10 de xullo, na Seca. O alcalde de Poio, Luciano Sobral; o concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez (BNG); a responsable de Seguridade Cidadá, a tamén nacionalista Marga Caldas, e responsables do Motoclub A Rosa dos Ventos deron a coñecer este luns os detalles da programación, que contará cun gran número de actividades na contorna da Seca, ademais tras tradicionais rutas moteras pola contorna.

Segundo as estimacións da organización, prevese a participación de preto de 9.000 persoas neste evento, repartidas en máis de 3.000 motos e chegadas desde preto de 20 provincias españolas diferentes. Entre os e as asistentes, xa hai confirmadas reservas feitas desde Las Palmas, Melilla ou Lanzarote, así como de amantes do mundo das motos de Portugal. Completouse o 90% das prazas ofertadas polo motoclub para a inscrición, que tamén se poderá realizar ‘in situ’ o venres. A devandita inscrición inclúe merchandising, pincho de benvida, almorzo, degustación de mexilón galego, masaxe de 30 minutos, dereito a acampada na Seca e prezos especiais de hospedaxe, ademais doutras vantaxes.

A programación pode consultarse na páxina web do motoclub (www.arosadosventos.com). O venres haberá unha actuación humorística a cargo de Wilbur, ademais dun concerto a cargo do grupo América e unha ruta con fachos polo concello. O venres, as actividades comezarán xa pola mañá, cunha sesión vermú, mentres que pola tarde haberá unha saída desde as 17.00 polas parroquias de Poio. Espectáculos de ‘stunt’, actuacións musicais ou unha charla sobre seguridade viaria serán outras das iniciativas das que poderán gozar os e as asistentes. Por último, o domingo ás 11.00 terá lugar a tradicional saída pola contorna e porase punto e final á concentración coa comida de confraternidade na carpa (só para inscritos e inscritas) e o sorteo de agasallos.

O alcalde de Poio destacou a importancia que supón para Poio recuperar esta cita, que “xa é un clásico do noso verán”. Luciano Sobral salientou o “gran esforzo” realizado polo Motoclub A Rosa dos Ventos á hora de poñer en marcha esta iniciativa, algo que “non é doado” e amosouse convencido de que “viviremos unha gran fin de semana”, ao tempo que apelou á necesidade de “facer un uso responsable das motocicletas”. O concelleiro de Festexos salientou, pola súa banda, o que supón para Poio volver a contar con esta concentración, que “atrae a milleiros de persoas e supón un aliciente máis para visitar o concello durante o comezo do verán”. Xosé Luís Martínez destaca tamén o impacto económico que supón a concentración para o sector da hostalería e os hoteis e aloxamentos do concello e agradece o traballo realizado polo Motoclub A Rosa dos Ventos para facer realidade este evento, que conta cunha achega realizada polo Concello de Poio, a través da liña de axudas que Festexos ofrece a través de concorrencia competitiva para a organización de citas lúdicas.

 

Go to top