fbpx

A Mesa da Defensa dos Dereitos da Sanidade de Poio, da que forman parte todos os grupos da Corporación municipal, acordou este martes convocar unha mobilización de protesta para esixir a dotación de persoal médico para o consultorio de Raxó, que desde o pasado luns permanece aberto sen doutora, contando unicamente con Persoal de Servizos Xerais e servizo de Enfermería.

A manifestación terá lugar o xoves, 7 de xullo, a partires das 20.00 horas, ás portas destas dependencias. Esta situación vén motivada pola decisión da Xunta de Galicia de non cubrir as baixas dos e das profesionais que se atopan de vacacións, o que, no caso de Raxó, provocará que a veciñanza desta localidade non conte con persoal médico ata o vindeiro día 15. Ademais, esta medida tamén afecta ás listas de agarda e á saturación do persoal tanto nos centros de saúde de Anafáns como de Combarro.

O alcalde, Luciano Sobral, presidiu a convocatoria deste martes, acompañado dos e das portavoces de todos os grupos municipais (BNG, PSdeG-PSOE, Avante Poio e PP) e representantes dos colectivos locais SCD Raxó e Asociación de Veciños A Laxe. Todos e todas coincidiron ao apuntar que o feito de manter aberto o consultorio de Raxó sen doutora é unha medida insuficiente e que en ningún caso garante o servizo que merece a veciñanza. Outro dos acordos que se adoptou durante a sesión foi a de dar traslado, a través un escrito oficial, ao Sergas do malestar que esta medida está a provocar en Poio, así como unha solicitude para manter unha reunión  de carácter urxente co xerente da Área Sanitaria Pontevedra – O Salnés, na que, ademais de insistir na necesidade de que se cubran as vacantes en todos os centros de saúde do municipio, tamén se lle solicitará que aclare cal vai ser o futuro das dependencias de Raxó, máxime tendo en conta a próxima xubilación da doutora asignada a este consultorio.

Tanto os colectivos como a Mesa da Defensa dos Dereitos da Sanidade teñen claro, asemade, que derivar aos e ás pacientes de Raxó a Combarro e Anafáns “en ningún caso é unha solución viable, máis ben ao contrario”, xa que isto non fai máis que acrecentar o colapso nestes dous Centros de Saúde, ademais de supoñer un problema para aqueles veciños e veciñas que non dispoñen de medios para desprazarse ata San Salvador ou Combarro. Neste sentido, o Concello lembra que “a maioría da xente que ten a cartilla en Raxó son persoas maiores, dependentes á hora de poder contar cun medio de transporte”. Por todo isto, ínstase ao Sergas a que repoña canto antes ao persoal médico en Raxó e aclare o futuro destas dependencias.

Os membros da Mesa da Defensa dos Dereitos da Sanidade deixan aberta a posibilidade de convocar novas mobilizacións no futuro no caso de que as súas demandas non sexan atendidas.

 

Go to top