fbpx



Unha vez chegado o verán, a Concellería de Benestar Social e Mocidade recupera ‘Cóidate sempre’, unha iniciativa que estreou na primavera do ano pasado e que, dado o seu éxito, volverá a desenvolverse durante os meses de xullo e agosto. A través deste programa, o departamento dirixido pola socialista Rosa Fernández ofrece clases de ximnasia ás persoas maiores, totalmente gratuítas. As sesións terán lugar os mércores e venres, a partires das 10.00 horas, nos exteriores da Casa Rosada e na explanada da Seca, respectivamente.

“Son dous espazos ideais para a práctica de hábitos saudable”, sinala Fernández González, que resalta a importancia de poder ofrecera este sector da poboación unha proposta que non só busca potenciar eses hábitos, cos seus conseguintes beneficios, senón tamén “consolidar unha actividade que aposta por un ambiente familiar e de acompañamento para os e as nosas maiores durante xullo e agosto”.

‘Cóidate sempre’ naceu por primeira vez no mes de abril de 2021. Tal e como recorda a edil de Benestar Social e Mocidade, “impulsamos estas sesións de exercicio físico unha vez que a situación sanitaria permitiu ir retomando actividades ao aire libre”. Durante esa primeira edición apuntáronse unhas 120 persoas aproximadamente. Agora, os e as interesadas en anotarse poderán facelo na Casa Rosada ou chamando ao número de teléfono 986872401. Nestas clases, o alumnado realiza rutinas e estiramentos moi beneficiosos para o mantemento da saúde física.

Saudemente

Por outra banda, Rosa Fernández tamén fixo un balanzo moi positivo da tempada do Programa Saudemente, que finalizou a finais do pasado mes de xuño e que resultou “unha edición moi especial, ao ser a primeira que puidemos realizar desde o inicio da pandemia”. Seguindo a súa tradición, a iniciativa tivo un carácter itinerante, desenvolvéndose en Raxó, Combarro, Samieira, Vilariño, A Seca, Campelo e a Casa Rosada. Como xa vén sendo habitual, a programa incluía tanto sesións de exercicio físico como talleres de memoria. A actividade contou con máis de 100 participantes, cunha medida de idade superior aos 80 anos. “Inscribíronse persoas de máis de 90”, sinalou a concelleira de Benestar Social.

Fernández confirma que Saudemente volverá despois do verán, dada a gran acollida que leva tendo este programa durante tantos anos. “Para nós sempre é moi especial ver como o noso alumnado sempre está disposto a aprender e a afrontar novos retos”. Precisamente, a edil do PSdeG-PSOE visitou durante a pasada semana a todos os grupos, facendo entrega de agasallo a todos e todas as participantes.

 

Go to top