fbpx

Ao longo do que resta de ano e dos inicios de 2023, o Concello de Poio terá en marcha ou xa completadas actuacións en favor da recuperación e rehabilitación de núcleos tradicionais, apostando por unha mobilidade sustentable priorizando o tránsito peonil e o calmado do tráfico, cuns investimentos que ascenden a preto de 2,3 millóns de euros. O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE) lembra que na actualidade xa están completados varios proxectos que van nesa liña, como son a Primeira Travesía da Seara, o Camiño Casal de Campelo e Lameiriña, en Raxó. Precisamente, Agís, acompañado polo responsable de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás, vén de pasar revistas a varias destas zonas, que presentan “un aspecto totalmente mellorado e respectuoso coa contorna” grazas aos traballos acometidos.

Tal e como sinala o dirixente municipal, só nestas tres actuacións a contía ascendeu a un total de 664.000 euros. “Estamos a falar de obras moi necesarias que financiamos a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra”, sinala Agís, que, ademais da adaptación e respecto pola contorna, salienta a importancia dos traballos no que a dotación de renovación de servizos básicos se refire. “Nestes emprazamentos procedeuse a actualizar o instalar tubaxes de saneamento e abastecemento en lugares onde era necesario, así como o soterramento de liñas de cableado e a renovación de luminarias por puntos de luz máis eficientes desde o punto de vista enerxético”, indicou o responsable de Urbanismo e Promoción Económica, que tamén recorda os máis de 300.000 euros que se investiron neste mandato na rehabilitación integral do núcleo da Seara, na parroquia de San Xoán.

Este proxecto acabou sendo mellorando con respecto ao inicial, aproveitando o cese da actividade da primeira adxudicataria, Nexia Infraestructuras. “Apostamos por ampliar a actuación, ao igual que sucedeu en Lameiriña. Foi un proceso complicado porque vímonos na obriga de volver a sacar os proxectos a licitación e iso dilatou os prazos, pero o resultado é que agora dous núcleos de relevancia como A Seara e Lameiriña gozan dun novo aspecto, totalmente renovado e adaptado ás peculiaridades da súa contorna, na que abundan as vivendas de pedra (e, no caso da Seara, elementos como a ponte ou a proximidade do lavadoiro), e cun adoquinado en pedra que perdura no tempo e que facilita a realización de reparacións no caso de que sexan necesarias”, afirma Gregorio Agís, que tamén salienta a dotación de plataforma única para facilitar o tránsito peonil e as medidas de calmado de tráfico e redución de velocidade.

Deste xeito, o Concello segue a traballar na folla de ruta marcada no Plan de Mobilidade aprobado en 2019 no que á recuperación de núcleos tradicionais e aposta de mobilidade sustentable se refire. “É unha liña que xa iniciamos hai anos, con actuacións similares en lugares como a contorna de Tarrío en Samieira ou Pé da Porta en Combarro”, lembra o concelleiro de Urbanismo, que garante que “o noso obxectivo é actuar en todos os núcleos”. De feito, está previsto que nuns días xa comecen as obras de rehabilitación da contorna da Seara, Portosanto e Saíñas, no que se investirán 900.000 euros xestionados a través do Programa ReacPon da Deputación de Pontevedra. Tamén está en proxección de levarse a cabo a mellora do núcleo do Xuviño, en Combarro, con fondos europeos do IDAE, por valor de 400.000 euros.

 

Go to top