fbpx



Un ano máis, a praia de Lourido e o parque de Costa Xiráldez, na parroquia de San Salvador, acollerán unha das citas de referencia do programa Verán en Poio, impulsado pola Concellería de Festexos. Trátase do Festival Chalaniña, unha iniciativa pensada para ser gozada en familia e, especialmente, polos máis cativos e cativas e que, tal e como lembra o edil responsable desta área, Xosé Luís Martínez (BNG), xa está “plenamente consolidada como oferta de lecer en Poio”.

As actividades, todas elas gratuítas, desenvolveranse entre o xoves 28 de xullo e o domingo 31. Música, maxia, malabares e outras moitas sorpresas serán os grandes atractivos dun festival que naceu hai xa varios anos en Combarro, dentro da programación da Festa do Mar. Coa chegada da COVID-19 a Concellería de Festexos apostou por manter este evento, adaptándose ás pertinentes medidas sanitarias e de control de aforo. “É unha aposta que fixemos no seu día para a veciñanza e para as persoas que visitan Poio durante o verán e que desenvolvemos en dous dos enclaves de referencia do municipio, como son as inmediacións da praia de Lourido e o parque de Costa Xiráldez. A fórmula funciona moi ben e entendemos que é necesario mantela”, explica Martínez Blanco.

Todas as actividades que terán lugar na praia de Lourido serán ás 19.00 horas. O xoves 28 Uxía Lambona e A Banda Molona serán as encargadas de inaugurar esta nova edición do Festival Chalaniña. Pola súa banda, a maxia será a protagonista o venres 29, coa actuación do Mago Teto e o seu ‘show’ Alquimia. Xa o sábado, será a quenda dos malabares con Fran Boza e o seu espectáculo ‘Malabarabilidades’. A xornada final pasará a celebrarse no Parque de Costa Xiráldez, onde Al Grano ofrecerá un espectáculo de aéreos. O broche de ouro a esta programación lúdica correrá a cargo de The Lakazans, un dos grupos musicais de referencia do país, que ofrecerá un concerto ás 21.30 no mesmo emprazamento.

Xosé Luís Martínez fai un chamamento á cidadanía para que “crianzas, adultos e maiores se acheguen ata Lourido para gozar do Festival Chalaniña” e lembra que, unha vez iniciado o mes de agosto, chegarán máis actividades, concertos e citas de nivel da man do programa Verán en Poio.

 

Go to top