fbpx

A Concellería de Participación Veciñal, Espazos Cidadáns de Transparencia, dirixida pola tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), informa de que a partir deste venres 5 de agosto permanecerá en exposición pública, durante un prazo de 30 días hábiles, o documento do Regulamento de Participación Cidadá Ao longo deste período a cidadanía poderá realizar as suxestións e reclamacións ao texto que consideren oportunas. 

DESCARGAR DOCUMENTO [PDF]

Esta é a última fase cara á aprobación definitiva do regulamento, logo de que no último Pleno ordinario do mes de xullo a Corporación acordase por unanimidade a aprobación inicial do regulamento que articulará as canles e permitirá a constitución dos órganos de participación cidadá no municipio. O documento pode consultarse no Portal de Transparencia e na Sede Electrónica do Concello de Poio.

Silvia Díaz lembra que o documento incorpora as achegas realizadas polos catro grupos da Corporación municipal nas sesións de traballo desenvoltas ao longo dos últimos meses. Ademais, tamén se procedeu a abrir unha consulta pública para facilitar a achega de consideracións por parte de colectivos e cidadanía. Este texto conta cun total de 35 artigos distribuídos en catro capítulos, así como sete disposicións adicionais. Un dos aspectos máis importantes deste novo regulamento é a definición do Consello de Participación Veciñal como o órgano que permite a participación na actividade do Concello, representativo dos intereses veciñais dos lugares e parroquias. Esta sería a ferramenta para trasladar, por parte da cidadanía, propostas e peticións relacionadas co desenvolvemento de actividades, actuacións, servizos ou investimentos. Pola súa banda, a Asamblea de Participación Cidadá impúlsase como órgano para o debate e a coordinación de iniciativas que afectan ao conxunto da cidadanía do municipio.

A través deste regulamento búscase habilitar canles directas e eficaces de comunicación e colaboración entre o Concello e os colectivos, facilitando, deste xeito, o intercambio de información, a participación na toma de decisións, a organización de iniciativas ou o desenvolvemento de actuacións e proxectos de interese xeral.

As achegas, suxestións e reclamacións ao documento poden realizarse mediante instancia xeral no Rexistro Xeral, as entidades a través da Sede Electrónica e as persoas físicas tanto telemática como presencialmente. DESCARGAR INSTANCIA XERAL [PDF]

 

 

 

 

Go to top