fbpx

 

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), participou na mañá deste mércores no acto de presentación da Semana Cultural de Combarro, organizada polo Ateneo Corredoira, coa colaboración do Concello e da Deputación de Pontevedra, e que neste 2022 chega aos 40 anos de existencia, consolidándose, deste xeito, como “unha das citas máis tradicionais e de referencia en Poio”. Rodríguez Alonso estivo acompañada pola presidenta do colectivo, Patricia Pérez, e responsables da agrupación que, un verán máis, apostan por ofrecer á cidadanía un amplo abanico de actividades, que darán comezo este venres e rematarán o domingo 21. “Serán nove días na que a animación, a música, a historia e a gastronomía serán as grandes protagonistas”, apuntaron tanto a edil como os integrantes do Ateneo Corredoira. Tamén estivo presente a tenente de alcalde e responsable de Participación Veciñal, Silvia Díaz (Avante Poio).

A apertura da Semana Cultural, que este ano aposta polo lema ‘Melodías en movemento’, será ás 21.00 horas deste venres coa lectura do pregón, a cargo da veciña de Combarro Loli Castiñeira Casal. Posteriormente, como manda a tradición, procederase á entrega do Mexilón de Ouro, unha distinción coa que se recoñece a traxectoria e o vínculo da persoa agasallada coa vila. Ademais do izado de bandeiras e da interpretación do himno galego, tamén se procederá á inauguración da mostra de Vicente Pérez ‘O mar, fonte de vida’, na Escola do Campo, e ‘Recordo en imaxes’. A animación musical do Grupo Rever e a tradicional queimada a medianoite porán o broche á primeira xornada da Semana Cultural.

Xa o sábado 13, a Praza de San Roque ofrecerá unha sesión de debuxo infantil (12.00 horas), mentres que ás 19.30 haberá un obradoiro de ecopercusión na Praza da Chousa. Ultrafónicos Band, de Padrón, ofrecerá un concerto ás 22.30 horas, que estará precedido pola animación musical nas rúas a cargo da Banda de Gaitas O Son da Pedra Meiga. O domingo 14 terá lugar unha das grandes citas da programación, que será a Festa do Mexilón (12.00 horas), na Praza da Chousa, con inauguración ás 12.00 horas e que volve tras a súa ausencia pola pandemia. A degustación tamén continuará o luns 15, que ás 20.00 horas vivirá outro momento especial coa Baixada á Renda, ao compás da agrupación folclórica Vides Novas. O martes 16, día de San Roque, ás 13.00 horas haberá unha misa solemne na honra do patrón, cantada pola Coral Virxe de Fátima. Pola noite, ás 22.00 horas, a Praza da Chousa acollerá un concerto a cargo dos grupos Máster e Arena.

A Festa do Can tomará o relevo o mércores 17, ás 21.00 horas. Pola mañá haberá pasarrúas desde as 10.00 horas, mentres que ás 19.00 horas celebrarase unha misa na honra de San Antón, na igrexa parroquial, para, a continuación, desenvolverse a procesión e subida da Renda, co grupo Vides Novas. O xoves 18, ás 19.30 horas a Praza de San Roque acollerá o contacontos O traxe novo do rei, a cargo de Tarabelos, mentres que ás 21.00 horas haberá unha actuación a cargo do Mago Rei Midas, antes da actuación do Gravity Power Trío ás 22.00 horas.

Na última fin de semana, a programación tamén ofrecerá varias actividades de interese. Así, o venres 19 haberá obradoiros de elaboración de colgantes e pulseiras, ás 19.00 horas, mentres que a agrupación folclórica Trompos aos Pés ofrecerá unha actuación na Chousa ás 21.00 horas da actuación de Bloody Mary (22.30 horas). O sábado 20, o Ateneo Corredoira ofrecerá unha excursión guiada á Illa de Tambo, con saída ás 17.00 horas e se habilitará un parque de inchables na Praza da Chousa, gratuíto para socios e socias e, para o resto dos asistentes, cunha entrada de 5 euros. Nelson Quinteiro e Os Desbrosadores porán a guinda a esta xornada cun espectáculo de animación polas rúas de Combarro ás 22.00 horas. Para rematar, o domingo 21, será a quenda dos Queimatasas, que amenizarán coa súa música a contorna desde as 13.00 horas. O concerto de Mr. River (21.30) suporá o punto e final a unha programación que “ofrece grandes atractivos tanto para adultos e adultas como para as crianzas”, sinalou Raquel Rodríguez, que agradeceu e salientou o esforzo e o traballo que realiza o Ateneo desde hai décadas para poñer en valor a tradición de Combarro “e a nosa cultura”. A edil nacionalista fixo fincapé, asemade, no feito de que esta cita chegue aos 40 anos de vida, “ao mesmo tempo que celebramos o 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico”.

 

Go to top