A rapazada inscrita no Espazo Concilia, a ludoteca impulsada pola Concellería de Igualdade para favorecer a conciliación familiar e laboral ás familias de Poio e ás persoas que traballan en empresas do municipio, participou este mércores nunha actividade moi especial. Trátase de ‘Visita o teu súper’, unha iniciativa que contou coa colaboración de Vegalsa-Eroski e que permitiu ás crianzas coñecer as instalacións do hipermercado situado na Barca, así como familiarizarse cos beneficios que supón unha alimentación saudable.
A tenente de alcalde e responsable da área de Igualdade, Silvia Díaz (Avante), acompañou aos nenos e nenas nesta visita, que incluíu, ademais dun percorrido polas seccións principais do hipermercado, un pequeno almorzo, xogos e a entrega dun agasallo a cada crianza. Previamente, unha representante de Vegalsa-Eroski impartiu na Casa Rosada, onde se desenvolve a ludoteca de verán, unha breve charla informativa, na que explicou aos rapaces e rapazas cuestións como a importancia de manter unha alimentación sa e variada. A actividade tamén serviu para que os e as inscritas no Espazo Concilia soubesen da importancia do traballo en equipo. Díaz lembra que esta excursión forma parte das diferentes saídas e iniciativas que se inclúen na programación da ludoteca. “Ademais de garantir un servizo de conciliación, para nós tamén é importante inculcar entre as crianzas coñecementos e valores en materia de igualdade, respecto polo medio ambiente e hábitos saudables”, recalca a tenente de alcalde.
A concelleira de Igualdade, asemade, expresou o seu agradecemento a Vegalsa-Eroski pola súa implicación nesta iniciativa e recordou que o Espazo Concilia permanecerá operativo na Casa Rosada ata o vindeiro 9 de setembro.