fbpx



A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), e o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), deron a coñecer este xoves os detalles sobre o proceso para a realización de solicitudes para participar nas visitas guiadas oficiais á Illa de Tambo, que darán comezo a partir deste sábado, 13 de agosto. A tramitación de autorización xa se pode levar a cabo a través da páxina web de Turismo e na propia web do Concello. Ademais de achegar os datos persoais e escoller a data, resultará indispensable adquirir billete nos portais web (ou ‘in situ’ no porto de Combarro) das navieiras que dispoñibles para trasladarse, Mar de Ons e Cruceros Pelegrin, ambas con base en Combarro.

Díaz e Agís salientaron o feito de que a regularización das visitas sexa xa unha realidade apenas uns meses despois de que o Concello asinase co Ministerio de Defensa a concesión demanial, a través da cal a Administración municipal pode xestionar este emblemático espazo. Os dirixentes municipais insistiron no feito de a día de hoxe o acceso a Tambo só estará permitido a través desta fórmula, non estando autorizados os accesos a través doutro tipo de embarcacións ou dende a praia. “Para nós é imprescindible e prioritario garantir a protección e o coidado do patrimonio cultural e natural da illa, algo que é compatible coa recepción de visitas, sempre e cando se cumpran unha serie de normas e directrices básicas para facilitar a súa preservación”, apuntaron.

Deste xeito, habilitaranse visitas organizadas a Tambo de venres a domingo, así como festivos durante o presente mes de agosto e todo setembro. As datas dispoñibles poderán ampliarse en función da demanda. A duración aproximada de cada unha das excursións oscilará entre as dúas horas e media e as tres horas. Durante a súa estancia na illa, as persoas inscritas realizarán o percorrido acompañadas de guía e terán ocasión de coñecer os atractivos e puntos de interese como as ruínas do lazareto, a antiga capela de San Miguel ou o polvorín. Ademais, a Concellería de Turismo ofrece un folleto específico con toda a información sobre este enclave, situado en pleno corazón da ría de Pontevedra. Ademais de visitas a título individual, o Concello tamén ofrecerá a opción de reserva de datas para asociacións e colectivos. En todos os casos, as excursións non excederán de 100 persoas.

Durante a estancia en Tambo non estará permitido fumar, arroxar lixo, prender lume, extraer marisco, molestar á fauna autóctona nin alterar a contorna. Ademais, tamén se recomenda levar auga e crema solar, así como a utilización de roupa cómoda para completar a ruta habilitada na illa. Durante as últimas semanas o Concello levou a cabo tarefas de desbroce e limpeza dos espazos de tránsito, así como a reparación do espigón de aceso. Outro feito que salientaron tanto a tenente de alcalde como o concelleiro de Promoción Económica foi que a Administración local xa recibiu o visto bo por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axencia Urbana para a instalación de balizas, a fin de garantir que as embarcacións que fondeen nas proximidades de Tambo respecten a distancia que marca a normativa actual.

Silvia Díaz e Gregorio Agís incidiron tamén na necesidade de que a apertura da illa á cidadanía sexa, de momento, “de xeito moi controlado”, para garantir a súa preservación, ao tempo que se avanza na tramitación para conseguir que Tambo pase a ser declarado Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

 

Go to top