Desde este venres 12 de agosto xa se pode visitar a exposición ‘O mar, fonte de vida’, unha mostra formada por diferentes pezas, obxectos e obras elaboradas, de xeito artesanal, polo veciño de Combarro Vicente Pérez, e que, tal e como indica o nome da exposición, están directamente vencelladas co mundo do mar. A colección permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 21 de agosto na Escola do Campo. Trátase dunha iniciativa que está organizada polo Ateneo Corredoira e que se enmarca dentro da programación da súa Semana Cultural, que, precisamente, neste 2022 vive unha edición moi especial, ao cumprir 40 anos de existencia. A Concellería de Participación Veciñal, Transparencia e Espazos Cidadáns colabora na organización da mostra.
A tenente de alcalde e responsable deste departamento, Silvia Díaz (Avante Poio), vén de visitar a exposición, acompañada polo seu autor e responsables do Ateneo, e lembra que a mostra poderase visitar no horario de atención ao público da Oficina de Turismo: de martes a sábado, de 9.50 a 13.30, e os domingos de 11.20 a 13.30 horas. Díaz anima á cidadanía a visitar esta exposición e a tomar parte activa na Semana Cultural, que destaca pola súa variedade e amplitude en canto a número de actividades ofertadas, entre as que non faltan animación na rúa, obradoiros de debuxo e percusión, espectáculos de maxia ou actuacións musicais, entre moitas outras, o que converte ao evento “nunha cita moi atractiva para público de todas as idades”.