fbpx

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, o socialista Gregorio Agís, pasou revista aos traballos correspondentes á actuación que o Concello está a acometer nos núcleos de Saíñas, Portosanto e A Puntada, e que servirá para “transformar por completo e marcar un antes e un despois para a veciñanza” nun dos emprazamentos chave da parroquia de San Salvador. Agís, que estivo acompañado polo titular de Obras e Servizos Municipais, o tamén socialista Julio Casás, lembrou que as obras deron comezo a finais do pasado mes de xullo. A actuación conta cun orzamento que ascende a un total de 937.752,60 euros (IVE engadido), e se financia a través da Deputación de Pontevedra, un 80% correspondente ao programa ReacPon e o 20% tamén a fondos provinciais. Os dirixentes municipais salientan a importancia da obra, que supón unha rehabilitación integral da contorna e unha firme aposta pola mellora sostible na zona. “Será unha transformación que mellorará de xeito ostensible a calidade de vida da veciñanza e a seguridade peonil”, apuntaron.

A empresa adxudicataria, Construcciones Obras y Viales SA (COVSA), iniciou os traballos no lugar de Saíñas, onde xa se está a proceder á instalación e renovación de servizos básicos. Gregorio Agís incidiu na importancia de dar comezo á actuación neste emprazamento polo feito de poder avanzar o máximo posible antes do inicio escolar, de xeito que as tarefas non afecten á actividade da Escola Infantil de Saíñas unha vez se reinicie a tempada lectiva o vindeiro mes de setembro. O concelleiro do PSdeG-PSOE lembrou que “estamos a falar dunha actuación moi ampla e completa, polo que son obras complexas, que requirirán tempo”. Por iso, tanto Agís como Julio Casás quixeron amosar o seu agradecemento á veciñanza da zona pola súa comprensión e paciencia. Cómpre lembrar que hai uns meses a Concellería de Urbanismo convocou reunións informativas coas persoas residentes para informarlles dos detalles do proxecto.

Gregorio Agís estima que os traballos estarán completados ao 100% na primavera do vindeiro ano. “Para nós era importante que a adxudicataria puidese comezar no verán a renovar a parte de Saíñas”, sinalou. As obras incluirán a renovación e dotación de servizos básicos, así como a humanización de diferentes espazos, facendo especial fincapé na seguridade peonil e na redución da pegada de carbono, respectando en todo momento as construcións tradicionais. Ademais, desde A Puntada se traballará tamén na posta en marcha dunha senda costeira ata Pontevedra.  Agís lembra que o proxecto foi dado a coñecer á cidadanía durante a fase de redacción.

 

Go to top