fbpx



Máis de 2.500 persoas foron asesoradas polas técnicas das oficinas de turismo de Poio, situadas na Escola do Campo, en Combarro, e no Casal de Ferreirós, na parroquia de San Salvador. Así o confirmou a tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), que sinala tamén que “neste verán estamos a detectar un incremento de visitantes que proveñen doutros países”, situación que nos dous anos anteriores non se tivo producido, por mor da situación sanitaria derivada da pandemia da COVID-19.

Se ben máis do 90% das consultas tramitadas corresponden ás efectuadas por persoas chegadas doutras cidades do territorio español, preto dun 7% das demandas de información foron efectuadas por turistas doutras nacionalidades. Neste sentido, Díaz lembra que “somos conscientes de que Poio está plenamente consolidado como destino turístico de proximidade, polo que seguimos a traballar para continuar dirixíndonos a visitantes internacionais”. Este é unha das metas do departamento de Turismo, ao igual que acadar unha desestacionalización que garanta unha actividade regular do sector ao longo dos 12 meses do ano.

A meirande parte das consultas leváronse a cabo na oficina situada nas proximidades do Casco Histórico de Combarro. Ademais de solicitar información sobre o emblemático núcleo, a xente tamén amosa interese en coñecer outros enclaves, como as rutas dos muíños, as fervenzas do Pereiro ou a Illa de Tambo, que xa ofrece visitas guiadas durante as fins de semana (de venres a domingo, máis festivos). Neste sentido, Silvia Díaz salienta o traballo que se realiza á hora de asesorar á veciñanza sobre outros reclamos de interese, como o patrimonio local ou a gastronomía.

Ademais, o Concello tamén está a detectar un importante un aumento no número de visitas de peregrinos. “O feito de que este 2022 sexa Ano Xacobeo está a animar a moita xente a completar a Variante Espiritual do Camiño Portugués, que tamén é un dos grandes atractivos cos que contamos en Poio xunto coa Ruta do Padre Sarmiento”, recorda a tenente de alcalde. Ao longo do mes de xullo foron moitas as persoas camiñantes que se achegaron á Casa Consistorial para selar a súa acreditación. Trátase de xente chegada de distintos puntos de España, pero tamén de países como Italia, Portugal, Francia e Reino Unido. En moitos casos, son grupos compostos por entre 20 e 30 persoas. Silvia Díaz lembra que o a Concellería de Turismo conta desde hai uns meses cunha renovada web (www.turismodepoio.gal), que resulta “unha ferramenta moi útil” á hora de consultar lugares de interese e de obter información sobre aloxamentos e hostalería, así como para tramitar as solicitudes de visita a Tambo. O espazo virtual conta, asemade, con amplo material audiovisual sobre diferentes emprazamentos do municipio.

Por outra banda, a Concellería de Turismo vén de completar a reposición e renovación dos indicadores das praias do municipio, unha actuación que se levou a cabo dado o estado de deterioro que presentaban. En total, habilítanse 29 noves paneis. As tarefas iniciáronse antes do comezo do verán, pero rexistráronse demoras na subministración do material que atrasaron a finalización da actuación. Tan só resta por habilitar o panel correspondente á praia do Laño, en Samieira, para a cal “estamos a estudar o emprazamento máis axeitado”, indica Silvia Díaz.

 

Go to top