fbpx

Autoridades políticas, veciñanza en xeral, representantes de colectivos e familiares citáronse este mércores no monolito da Caeira para participar  no tradicional acto de homenaxe á figura de Alexandre Bóveda, símbolo dos e das galegas represaliadas durante o franquismo, nunha data no que se conmemora o Día da Galiza Mártir, 86 anos despois do fusilamento de quen está considerado un dos pais do galeguismo e que, tal e como asegurou o alcalde, Luciano Sobral, durante a súa intervención, “a súa lembraza permanece moi viva na nosa sociedade”.

O rexedor presidiu un acto que, logo das restricións aplicadas en 2021 por mor da pandemia da COVID-19, recuperou a súa esencia. Foi unha cita cargada de emotividade, que contou cun gran número de asistentes, entre os que non faltaron membros da Corporación, membros do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial e representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da Fundación Castelao. A organización recuperou a entrega do Premio Galiza Mártir, que este ano foi outorgado aos historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez, autores do libro ‘Meirás: un Pazo, un caudillo, un expolio’. Editado no ano 2017 por Galiza Sempre, a obra dos escritores sadenses fai un repaso á historia deste histórico inmoble e a maneira na que acabou pasando a mans da familia Franco. Ambos agradeceron o galardón, que foi entregado polo alcalde Sobral e por Amalia Bóveda, filla do histórico político local. "Supón un grato recoñecemento,  dentro dos retos que aínda quedan por completar sobre o Pazo de Meirás",  indicaron.

A encargada de inaugurar o acto foi a concelleira de Memoria Histórica, a nacionalista Marga Caldas, que salientou “o patriotismo e o compromiso co país de Alexandre Bóveda”, quen “foi asasinado polo seu traballo en favor da Galiza”. Caldas fixo especial énfase na importancia de lembrar e de "non caian no esquecemento todas as mulleres mártires que foron vexadas e represaliadas na Guerra Civil e durante o fraquismo".  A concelleira do BNG deixou claro,  asemade, que "é tempo de reivindicar,  non de celebrar"  e incidiu na necesidade de seguir loitando para que o Día da Galiza Mártir se institucionalice. "Non haberá motivo de celebración ata que os tribunais non retiren os cargos das persoas que foron xulgadas no franquismo",  rematou.

Posteriormente, tomaron a palabra os representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixa e David Otero, que sinalaron que Bóveda "é o nome propio do noso país",  unha figura "que coa súa valentía e peso intelectual fixo posible o galeguismo e o Estatuto de Autonomía" . Antes da entrega do premio Galiza Mártir produciuse unha emotiva intervención a cargo de Amalia, a filla de Bóveda, que quixo salientar "os valores de meu pai e de tantos e tantas mártires,  que loitaron por construir unha sociedade baseada nos dereitos de todos e todas" . Por último, o alcalde Sobral salientou que "Bóveda é o noso guía, na cabeza e no corazón, e o seu recoñecemento debemos transmitirllo a futuras xeracións para seguir facendo do país un lugar mellor".

O encontro pechouse coa tradicional ofrenda floral, a cargo das autoridades, e coa interpretación do himno de Galicia, a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio.

 

Go to top