fbpx

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), presentou esta mañá o novo número da revista A Raxeira, unha publicación que ve a luz con motivo do 30 aniversario do Concurso Literario Xaime Illa Couto. Rodríguez estivo acompañada por Xaquín Agulla, directivo da Sociedade Cultural e Deportivo Raxó, que foi a impulsora deste certame e que colabora co Concello de Poio na súa organización.

Na Raxeira pódense ler as obras de todas e todos os gañadores do concurso nas edicións de 2020, 2021 e 2022, correspondentes a cada unha das categorías. Así, nos exemplares figuran os poemas e relatos curtos que obtiveron a máxima puntuación do xurado. Raquel Rodríguez agradeceu a implicación da SCD Raxó e incidiu na importancia de continuar impulsando este tipo de iniciativas e publicacións, que “seguen o espírito do certame á hora de difundir e fomentar o uso da lingua galega a todos os niveis e, especialmente, entre as crianzas”. Ademais, a titular de Cultura lembrou que a trixésima edición do concurso foi, precisamente, “unha das de máis éxito”, non só pola cantidade de obras participantes (máis de 170), senón porque acadou “un carácter internacional, ao participar xente afincada en países como Suecia ou Alemaña”.

Xa no 2017, con motivo do 25 aniversario do Concurso Literario, A Raxeira vivira unha primeira edición. Agora, os exemplares serán distribuídos entre os centros educativos do municipio, para que poidan estar a disposición do alumnado nas bibliotecas, así como na propia Biblioteca Municipal de Campelo e no Arquivo do Concello. A maiores, repartiranse unidades entre os colectivos que forman parte do Consello Municipal de Cultura (SCD Raxó, SCD Samieira, Ateneo Corredoira de Combarro, Asociación Boureante da Seara e Asociación Vides Novas de San Salvador). “Hai que agradecer tamén a colaboración e a implicación tanto das agrupacións como do tecido educativo local á hora de impulsar este tipo de iniciativas”, indicou a concelleira de Cultura. Raquel Rodríguez e Xaquín Agulla incidiron tamén na importancia de que A Raxeira se publique de novo neste 2022, no que se cumpren dez anos do pasamento de Xaime Illa Couto, un autor que “mantivo un vínculo moi forte co noso concello”.

 

Go to top