fbpx

A Casa Museo de Colón continúa ofrecendo actividades de todo tipo para promocionar e dar visibilidade á teoría da orixe galega de Cristóbal Colón. Logo dos obradoiros celebrados durante o pasado mes de agosto, o vindeiro sábado 17 de setembro terá lugar unha nova cita, dirixida a rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos. Trátase dun taller sobre navegación, a través da cal as nenas e nenos inscritos terán ocasión de coñecer as características dos tipos de embarcacións que se utilizaban na época na que tivo lugar o descubrimento de América.

Ademais, tamén se afondará, dunha forma lúdica e amena, na teoría do Colón Galego. A actividade rematará cunha sesión de pintura.  O Concello de Poio informa de que as prazas son limitadas e a inscrición gratuíta. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo chamando ao 986833204 (extensión 2) ou enviando un correo electrónico á dirección Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Por outra banda, a semana pasada remataron as visitas teatralizadas que levou a cabo Leoucoíña Pasea tanto nas dependencias de Portosanto como no Bosque de Colón, na parroquia de San Xoán. En total, anotáronse nestas cinco citas, que tiveron lugar en xullo, agosto e setembro, un total de 75 persoas de diferentes idades, cubríndose, deste xeito, todas as prazas ofertadas. A última destas sesións estaba prevista que se desenvolvese inicialmente no bosque, pero as condicións meteorolóxicas obrigaron a trasladala á Casa Museo, onde as responsables da actividade recrearon coa súa representación teatral o traballo feito por dúas periodistas de investigación sobre a figura e as orixes de Colón.

Este tipo de iniciativas fináncianse a través do GALP Ría de Pontevedra, a Consellería do Mar e o Fondo Marítimo Europeo e da Pesca. As áreas de Turismo, dirixida pola tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), e Pesca e Marisqueo, coordinada polo socialista Julio Casás, apostan pola dinamización, a promoción e a posta en valor da Casa Museo e do Bosque de Colón, ao tempo que se promove e se difunde a teoría da orixe galega do navegante máis universal.

 

Go to top