fbpx

O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE), pasou revista este xoves á actuación que se está a acometer na rúa Espiñeiros, en Lourido, pertencente á parroquia de San Salvador. O edil do Goberno municipal lembra que este proxecto contempla a dotación dunha nova rede de pluviais, que prestará servizo a varias vivendas da contorna, e que forma parte da batería de actuacións que desde este departamento se está a levar a cabo para garantir servizos básicos en diferentes puntos do rural en todo o municipio.

Unha vez rematadas as tarefas para a instalación da tubaxe, está previsto que nos vindeiros días os operarios procedan á renovación do pavimento. “A dotación do novo firme e o pintado levarase a cabo unha vez melloren as condicións meteorolóxicas, polo que será nos vindeiros días”, garantiu Casás, que lembrou que os traballos permaneceron parados durante o mes de agosto polo paro habitual por vacacións nesas datas. O orzamento total para facer realidade este proxecto ascende a máis de 23.000 euros, IVE engadido.

Esta actuación tamén serviu, asemade, para reforzar a seguridade viaria na zona, xa que se procedeu a habilitar espazos para viandantes. En canto á recollida de pluviais, Julio Casás lembra que “non só se procedeu a instalar tubaxe nos lugares que carecían dela, senón tamén á substitucións das partes da canalización que se atopaban deterioradas”. O edil de Obras sinala que se trata de traballos “moi necesarias” e agradece “a comprensión que están a amosar as persoas residentes da contorna durante a realización da obra”.

 

Go to top