fbpx



Máis de 30 autoridades de diferentes concellos da contorna da ría de Pontevedra, así como da Deputación Provincial, participaron este sábado na visita institucional realizada á illa de Tambo, organizada polo Concello de Poio, a través da Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, co obxectivo de continuar difundindo e dando a coñecer os recursos, potencialidades e atractivos desta emblemática paraxe.

GALERÍA

A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio); o responsable de Promoción Económica, Gregorio Agís (PSDeG-PSOE), e a titular de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), encabezaron a representación do Concello, acompañados por membros da Corporación municipal. Tamén tomaron parte a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ademais de deputados e deputadas dos tres grupos da Corporación provincial e representantes de concellos como Pontevedra, Marín, Sanxenxo e Meaño. Como organizador da cita, Gregorio Agís agradeceu a asistencia das autoridades e salientou que “entendemos que iniciativas coma esta axudan a afianzar o traballo en equipo, entre as institucións, para divulgar a riqueza de Tambo, ao mesmo tempo que continuamos dando pasos para garantir o seu coidado e preservación”. Agís lembrou o “estreito vínculo” que a illa mantén non só con Poio, senón tamén con outros municipios da contorna. “Tambo sempre estivo aí, á vista de todas e todos, no corazón da ría e agora podemos coñecela e gozala, dentro dunhas liñas de actuación necesarias para continuar avanzando na súa recuperación”, indicou.

A expedición tivo ocasión de gozar dunha visita guiada, a través da cal obtiveron diversa información sobre a historia, a evolución e a relación da illa co resto da ría, ademais de coñecer as súas grandes riquezas patrimoniais, como os restos do lazareto, o Faro de Tenlo ou as ruínas da capela de San Miguel, que nos últimos meses fixéronse moito máis visibles grazas aos traballos de limpeza e desbroce acometidos polo Concello de Poio.

Antes de emprender o retorno a Combarro celebrouse a Mesa Sectorial de Traballo do Sector Público de Acción Local da Pesca (GALP) da Ría de Pontevedra, unha asemblea na que se abordaron diferentes cuestións e pautas para futuros proxectos vencellados coa ría. Á finalización da visita fíxose entrega a todas as autoridades de material promocional e turístico sobre Tambo.

Tramitación para a declaración de ENIL

Por outra banda, Agís tamén aproveitou este acto para confirmar que se continúa a avanzar na tramitación para conseguir que Tambo sexa declarada Espazo Natural de Interese Local (ENIL). Precisamente, a Xunta de Goberno Local aprobou esta semana o expediente de contratación para a elaboración da documentación técnica, cun orzamento de máis de 15.000 euros, IVE engadido.

“Agora mesmo están en vigor unhas normas pensadas para compaxinar as visitas guiadas co coidado dos recursos patrimoniais, históricos e naturais da illa, pero temos claro que é preciso continuar avanzando para dotar a Tambo dunha figura que facilite e blinde a súa protección e conservación”, concluíu o concelleiro socialista.

 

Go to top